Burela, 14 de xullo de 2016. Éxito da primeira Xeoruta, que tivo lugar este mércores en Burela, organizada polas Concellerías de Turismo e Medio Ambiente.
Desde o Concello sinalan que “estamos moi contentos porque foi un éxito total de participación. Asistiron turistas e tamén xente de Burela que descoñecía a riqueza arqueolóxica que temos no noso pobo”. Esta primeira ruta xeolóxica discorreu entre Burela e A Marosa. Está programada tamén para os días 27 de xullo, 10 e 24 agosto e 8 de setembro.
A outra ruta xeolóxica da que poderán gozar burelaos e visitantes é a que vai desde Burela ata O Perdouro. A lonxitude é de tres quilómetros e a dificultade media. Terá lugar entre as 10.30 e as 13.30 da maña os días 20 de xullo, 4 e 18 de agosto e 1 e 17 de setembro.
O punto de saída das Xeorutas de Burela é a Oficina de Turismo.
Os concelleiros de Medio Ambiente e Turismo, Noelia Mª Ben e Ramiro Fernández Rey, que fixeron a Xeoruta deste mércores, lembran que “a nivel xeolóxico falar de Burela é falar dunha das xoias da xeoloxía galega, xa que na súa contorna atoparemos unha ampla variedade de rochas e estruturas xeolóxicas, que nalgúns casos son moi singulares e excepcionais. Estas rutas permítennos facer unha viaxe no tempo de moitos millóns de anos”.
As rutas xeolóxicas de Burela son guiadas polo xeólogo Francisco Canosa. As persoas interesadas en obter máis información e tamén para inscribirse poden dirixirse aos seguintes teléfonos: 982 58 60 00 (Concello de Burela) ou 982 58 11 38 (Oficina de Turismo).