Burela, 9 de xullo de 2016. O Concello avoga pola sinatura dun convenio de colaboración coa Deputación de Lugo para acometer obras de sinalización e asfaltado en varias rúas da vila. Ademais tamén pretende levar adiante un plan de emprego para a contratación de varias prazas de persoal municipal. Estes temas foron tratados na xuntanza que estes días mantivo na institución provincial o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor burelés considera que “hai un tema que nos está preocupando que é a sinatura dun convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello de Burela para facer diversas obras que están pendentes e que estamos concretando”.
Alfredo Llano sinalou que “imos pintar sinalización horizontal en pasos de peóns, aparcadoiros e zonas de carga e descarga. Tamén imos pintar prazas de aparcadoiro para discapacitados. Imos intentar facer unha boa labor cunha cantidade de cartos suficiente sobre 40.000 ou 45.000 euros, porque Burela aínda que é un concello pequeno a poboación está concentrada e ten moitas necesidades de estar constantemente remarcando e volvendo facer labores de pintado”.
O alcalde de Burela explicou que “tamén queremos facer reposición de moitas beirarrúas. Hai moitas que están moi deterioradas, imos comezar por aquelas que están máis estragadas mellorándoas ou facéndoas de novo. Ademais hai unha serie de asfaltados que queremos facer en varias rúas sobre todo en Arcadio Pardiñas, a ver se podemos acometela toda ou parte, e noutras rúas que queremos asfaltar ou mellorar o asfaltado”.
Alfredo Llano tamén salientou que “queremos levar adiante o antes posible a realización das casetas de fútbol no campo de A Marosa, queremos ver se nos poñemos á obra o antes posible para que estiveran listas para o mes de setembro. Quero dicir que esta colaboración non soamente abarcará obras senón tamén obra social, cultura e medio ambiente. A ver qué cantidade nos dá a Deputación que penso que vai ser importante porque tamén todo o pendente que queremos facer é moi importante”.
O alcalde de Burela subliñou que “outra cousa que falamos que eu creo que é unha cousa moi importante e decisiva e agora mesmo fundamental, é a creación de plans de emprego. Tamén imos establecer un convenio coa Deputación para poder o antes posible establecer unha serie de traballos. Xa veremos se seis ou oito prazas que se poidan fixar a través dun convenio con axuda económica e desde o Concello estableceremos aquelas necesidades máis urxentes. Agora mesmo penso en xardinería pero pode ser prazas polivalentes, auxiliares administrativos, todo aquilo que poidamos acometer imos facelo con este convenio e xa veremos onde son máis necesarias esas prazas e por canto tempo poden estar traballando”.
Alfredo Llano tamén acudiu á Deputación con responsables do fútbol sala burelés e da asociación Fanto Fantini: “estiven con responsables do fútbol sala para que se poidan establecer fórmulas de mellora de colaboración para que todo isto vaia para arriba a próxima tempada. Temos dous equipos de primeira división e hai que seguir con elo”.
O rexedor burelés engade que “tamén estiven na Deputación coa asociación Fanto Fantini para que saiban na Deputación o que se necesita para Burela na organización do Festival de Osa do Mar, no que se atopan traballando”.