Mentres outros debuxan unha comarca negra, en negativo, A Mariña continúa crecendo e xerando emprego, tal e como demostran os últimos datos coñecidos que acreditan a boa evolución do mercado laboral en agosto e no conxunto do ano.
Situarse na barreira dos 3.500 parados, unha cifra que non coñecíamos desde o inicio da crise, amosa que vamos na boa dirección. Pero tamén supón un reto, o de saber aproveitar esta tendencia para seguir avanzando.
Aínda son moitos os veciños que buscan un emprego e non o atopan e o primeiro obxectivo ten que ser continuar traballando para afianzar esta evolución positiva e procurar que as novas contratacións sumen emprego estable e de calidade.
Sen lugar a dúbidas a estabilidade e responsabilidade na Xunta son clave para seguir sumando novos meses con creación de emprego, e non podemos poñelo en risco despois de tanto esforzo. Galicia é unha excepción que merece a pena.
Aquí si hai unidade, estabilidade e progreso. Afastémonos de sobresaltos e desgobernos, de experimentos con multipartitos e coalicións de intereses distintos aos dos veciños. Porque o que queremos é que Galicia e A Mariña funcionen.
Estamos no bo camiño e quizá no mellor momento. Lonxe desa imaxe que algúns pretenden dar dunha comarca en negro, todo indica que este será o mellor verán dos últimos anos. A diario atopamos titulares que din que recibimos máis viaxeiros ca nunca, que o turismo crece por riba incluso dos mellores rexistros históricos. Temos moito que ofrecer, que seguir ofrecendo, nunha Mariña que avanza.