Burela, 16 de novembro de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, considera que a distribución do gas natural podería chegar a Burela antes de finais deste ano. E advirte que estes días se está traballando para a súa posta en marcha. De feito mañá, xoves, varios operarios procederán á limpeza das canalizacións de gas e “nalgún momento pódese producir algún forte olor, pero que a xente non se preocupe”.
O rexedor explicou que “estes días estamos traballando bastante na canalización para a posta en marcha do gas natural en Burela”. E lembrou que “antes existía unha distribuidora de gas, que agora vai ser substituída por gas natural. Teñen características diferentes e estes días están facendo labores de canalización e de ampliación da área de distribución”.
Llano anunciou que “mañá, xoves, van estar varios operarios limpando as canalizacións de gas e, segundo me dixeron os técnicos, posiblemente se produzan malos olores momentáneos de maneira puntual nalgúns sitios. Isto pode dar lugar a que a xente se preocupe, pero non hai motivos para elo porque hai seguridade total”.
O alcalde burelés dixo que “están traballando coa intención de poñer a disposición dos veciños o máis rapidamente posible ese gas natural, quizais xa antes de rematar este ano, a distribución de gas natural”.