Ribadeo, 21 de decembro de 2016. No pleno extraordinario celebrado este martes a Corporación Municipal aprobou non subir o imposto do IBI o vindeiro ano ademais dos orzamentos municipais para o 2017. O Concello solicitaralle á Consellería de Sanidade que se cubra de maneira estable a praza de médico de familia na quenda de tarde no Centro de Saúde de Ribadeo.
O alcalde, Fernando Suárez, declarou que “neste pleno extraordinario tratáronse varios temas, singularmente dous especialmente importantes. Un era o relativo á modificación da ordenanza que regula o imposto de bens e inmobles, o IBI, debido a que diante da elevación do 8% no valor catastral que vai aplicar o Catastro para o 2017, o goberno municipal non ten esa potestade, pero si ten a potestade para modificar o tipo, e tal e como dixemos queremos que non suba a contribución para o ano que ven”.
O rexedor explicou que “de aí que a mesma suba que se produce nos valores catastrais, producimos unha proposta de rebaixa que foi a que se aprobou por unanimidade do 0´73 ao 0´67, é dicir para que a multiplicación dos dous valores dea como consecuencia que non se produce incremento tributario para o ano 2017. Hai que ter en conta que os valores catastrais do Concello de Ribadeo son especialmente baixos. Se temos en conta que Ribadeo é o segundo concello da provincia de Lugo, despois da capital, en valores de mercado, pero dado que ten unha ponencia moi vella do ano 1987, é o cuarto pola cola en valores catastrais de toda a provincia de Lugo”.
Fernando Suárez comentou que “quizais non sexa malo que haxa unha valorización do que ten que ver co valor catastral, pero en definitiva o tipo queremos rebaixalo para que o produto, para que a multiplicación do mesmo, sexa a que veu sendo para este ano. Para que non haxa subida e no recibo a xente non note diferenzas para o ano que ven”.
O alcalde de Ribadeo salientou que “outro dos puntos que consideramos moi importante é a aprobación en tempo e forma do orzamento municipal do ano 2017, aprobándoo outra vez máis antes de que empece o ano. Eu creo que poucos concellos a día de hoxe poden dicir isto, pero nosoutros queremos aprobalo porque hai que publicalo durante uns días e queremos que entre en vigor o máis axiña posible, xa a principios do 2017, porque del dependen varias inversións importantes como a dotación de mobiliario para a residencia e unha serie de obras de infraestruturas”.
Suárez Barcia asegurou que “hai que ter en conta que aínda que o orzamento é un pouco máis baixo que o do ano anterior, si que nos apartados tanto de gasto social como de infraestruturas aumentan aproximadamente un 40%. Fomos moi prudentes no apartado das previsións de ingresos para ser consecuentes cos gastos. De nada serve pronosticar que imos ingresar moito se despois iso non se dá acabamos tendo falta de liquidez, e iso non queremos que pase. Fomos moi prudentes na previsión de ingresos, se esas cifras se superan por enriba mellor porque contribuiremos a ter máis liquidez e poderemos facer máis cousas”.
O rexedor engadiu que “tamén é moi importante que a débeda e o que supón, a carga de préstamos, cada vez é menor. Os xuros de débeda para este ano reducíronse un 14%, e aínda hai dous días que amortizamos de maneira anticipada un préstamo que tíñamos cun banco de 300.000 euros. Hai moitas cousas que seguir facendo e mellorar, pero seguimos indo neste sendeiro de tranquilidade, facendo cousas, botando de menos achegas de administracións importantes como a Xunta de Galicia, oxalá para o 2017 se lles vexa o revés das maos por algún lado, e agradecendo e valorando as achegas que fai a Deputación de Lugo, confiemos que siga sendo así tamén no ano 2017. Este presuposto foi aprobado pola maioría que ten o goberno municipal coa abstención doutros grupos e co voto en contra do Partido Popular”.
Fernando Suárez relatou que “outro dos puntos importantes foi unha proposta que, a verdade pensamos que ía ser por unanimidade, pero lamentablemente non foi así, aló cada quen coa súa responsabilidade e coa súa xustificación. Fixemos esta proposta para pedirlle á Consellería de Sanidade a inmediata contratación, de xeito estable, dunha persoa que desempeñe as funcións de médico de familia na quenda de tarde no Centro de Saúde de Ribadeo”.
O rexedor lembrou que “esta proposta tamén hai uns días foi pedida pola voceira municipal socialista e que contou co noso apoio absoluto. Todos os que votamos a favor, o Bloque, o PSOE e Ciudadanos, e o voto en contra lamentable do Partido Popular, para que se deixe de marear o peixe e convoquen dunha vez por todas unha praza que xa existe, non se trata de que a cree senón que a cubran dunha maneira estable, e non con contratos diarios ou con contratos de luns a venres, que logo ningún médico quere vir. Moitos porque acabaron tendo que marchar para buscar unha vida mellor fora e outros porque de nada serve contratalos por días porque ao final acaban tendo unha volatilidade moi grande”.
Fernando Suárez insistiu en que “cubran esa praza dunha maneira estable para que alguén poida vir aquí, poida alugar un piso aquí ou poida vivir dunha maneira permanente aquí, xa verán como non teñen ningún problema. Isto foi o que aprobamos e esperemos que nos fagan caso”.




















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



