Santiago, 16 de decembro de 2016.- O orzamento da Consellería do Mar para o 2017 será de máis de 142 millóns de euros, un 10% superior que o deste ano. Del o 65% destinarase á regulación económica de sectores produtivos e ao desenvolvemento empresarial, unha cifra que referenda “a concentración de esforzos a prol do sector e do apoio económico cara el”.
Así o explicou hoxe no Parlamento a conselleira do Mar, Rosa Quintana, onde engadiu que este esforzo tamén se reflicte nas maiores subidas deste orzamento nos programas destinados a manter a competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura, ao que se destinan máis de 60 millóns de euros. Ademais os fondos de desenvolvemento sustentable das zonas de pesca medrarán nun 60% en relación a este ano acadando unha cifra de preto de 15 millóns de euros.
Ademais, a través deste orzamento, explicou Rosa Quintana, a Consellería do Mar contempla diferentes apostas, unhas en termos de montante económico e de reforzo e outras novas. Tamén inclúe áreas blindadas, engadiu.
En relación ás apostas económicas, Rosa Quintana, destacou tres fundamentais para “potenciar a competitividade e a sostibilidade”. A primeira é a da mellora da valorización dos produtos da pesca e da acuicultura mediante a transformación, que contará con preto de 15 millóns, 5 máis que o ano pasado.
A segunda liña de aposta é o aproveitamento da potencialidade produtiva, especialmente no eido do marisqueo e da acuicultura e o seu máximo expoñente, o mexillón. Así, destinaranse 24 millóns de euros ao crecemento da produción do mexillón, arredor de 6 millóns de euros máis en relación a este ano. No marisqueo, explicou, reforzarase a reinstalación dos moluscos bivalvos, que contará con preto de 3 millóns de euros, e destinaranse máis de 5 millóns de euros para a conservación, avaliación e xestión das zonas de produción.
A terceira aposta é a dinamización económica e laboral vinculada ao mar. Para iso, expuxo a titular de Mar, as partidas no eido da formación medrarán en case un 5% e acadarán case os 9 millóns de euros e as destinadas aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) medrarán en máis dun 65%, contando con máis de 13 millóns de euros. Ademais, no eido da investigación, incorpórase unha nova partida de 50.000 euros para fomentar a asociación entre investigadores e pescadores.
Novas apostas
A estas apostas Rosa Quintana engadiu outras tres novas. Unha delas é a de “substituír os despezamentos de frota por incorporacións ao mar”, indicou. Por iso se rebaixarán nun 64% os fondos destinados á paralización definitiva e se aumentarán os de formación a bordo. Ademais, sinalou, manteranse os fondos de axudas para compra de barcos por parte de mozos.
Un exemplo desta aposta que destacou Rosa Quintana é o Plan de Acción de Desenvolvemento, Competitividade e Sostibilidade da pesca costeira artesanal de Galicia. A través del executaranse medidas “dirixidas a multiplicar o emprego e formación a bordo, a mellorar a comercialización e a reactivar as instalacións de produción de semente de bivalvos”.
Outra liña “pasa por incrementar os fondos destinados ao sector bateeiro e ao marisqueo por vía da aplicación de fondos acuícolas”, dixo. De aí, sinalou, que nos 24 millóns de euros para a produción do mexillón se contemplen aspectos como o plan de modernización de bateas e a intención de reactivar a produción propia de semente de bivalvos.
A terceira é a de ampliar a aposta polas estruturas portuarias “logo de pasar por estreiteces e de cumprir coas necesidades básicas”, especificou Rosa Quintana. Neste sentido, destinaranse máis de 5 millóns de euros aos equipamentos portuarios, o que supera en máis dun millón á cifra deste ano. Ademais, os fondos destinados a investimentos de Portos de Galicia “medran ata preto dos 7 millóns de euros, permitindo abordar novos proxectos”.
Áreas blindadas
Por outra banda, a titular de Mar explicou que o orzamento contempla áreas blindadas, que son a seguridade no mar e a loita contra a contaminación, a seguridade alimentaria e o apoio á competitividade vinculada ao sector marítimo-pesqueiro. Estas tarefas correspóndense cos entes de Gardacostas, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), respectivamente. Así Gardacostas manterá unhas cifras semellantes no seu orzamento, con 14 millóns de euros, e verá referendados os fondos para control e execución da modernización e compra de embarcacións.
O Intecmar tamén manterá unha cifra semellante con preto de 3 millóns de euros, variando un pouco en relación á deste ano debido a que para a anualidade 2017 se necesitan menos medios novos de análise. Pola súa banda, o Cetmar prevé incrementar o seu orzamento en preto dun 13%, superando os 4 millóns de euros.
En termos globais sinalou que o orzamento da Consellería do Mar “é o que máis sube de todos os que conforman a Xunta e triplica a suba media do orzamento global que terá o goberno autonómico para 2017”.





















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



