O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, ao Director de Innovación e ao Director de Aceleración Empresarial da Escola de Organización Industrial, Miguel Sánchez Galindo e Francisco Javier de Benito, respectivamente, informou este xoves sobre a posta en marcha das 7 primeiras accións formativas para lucenses menores de 30 anos no paro, que inclúe o LUGOWORK. É o 1º plan de emprego xuvenil participativo da provincia, que puxo en marcha o Goberno Provincial tras captar preto de 2 millóns de euros da Unión Europea a través da EOI. O 91,89% dos fondos deste plan son do Fondo Social Europeo.
Campos Conde avanzou que “tras esta fase de formación, os participantes terán a posibilidade de ser contratados en empresas da provincia durante 6 meses. Para elo, abriremos unha convocatoria pública, dirixida ao tecido produtivo lucense, ofrecéndolles axudas de 5.000 euros para a contratación dos mozos que conclúan con éxito esta formación, que se axusta ás necesidades laborais das empresas da provincia”.
Requisitos, prazos e cursos
Estes cursos, totalmente gratuítos, inclúen preto de 1.600 horas de formación para 105 desempregados lucenses. Os participantes teñen que ser lucenses menores de 30 anos e estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil. As accións formativas levaranse ás zonas Centro, Norte, Sur e Montaña lucenses, pois celebraranse en Lugo, Viveiro, A Fonsagrada e Monforte de Lemos.
Este mesmo venres se abrirá o prazo de solicitude en www.deputacionlugo.gal e en www.eoi.es. Este rematará o 3 de febreiro de 2007. Os interesados poden solicitar máis información en lugowork@deputacionlugo.org e en 982-26-00-88 ou 982-26-00-77.
As 7 accións formativas son as seguintes:
– Auxiliar de Vendas Online e Atención ao Público.
– Axudante de Cociña e Servizo de Restauración.
– Emprego eficiente e uso de maquinaria para o aproveitamento forestal.
– Aserrado de madeira.
– Auxiliar de Xestión Informática e Internet para Pemes.
– Traballos auxiliares en obras de rehabilitación e construción.
– Operario de obra civil.
Máis cursos e axudas no 2017
O Vicepresidente adiantou que en xaneiro se porán en marcha máis cursos, que supoñan posteriores contratos subvencionados pola Deputación en empresas lucenses. Tamén o 2017, arrancará a liña do LUGOWORK que inclúe formación e axudas de 3.000 euros para que mozos lucenses no paro poñan en marcha os seus propios establecementos, favorecendo o emprendemento.
Sistema de Garantía Xuvenil
Ademais de ser lucense e ter menos de 30 anos, outro dos requisitos fundamental para participar no LUGOWORK e estar inscrito no Sistema de Garantía Xuvenil. Para poder facelo, os interesados non poden ter recibido por parte dunha administración pública formación de máis de 40 horas nos últimos 3 meses; non ter traballado nos 30 días naturais anteriores; ter nacionalidade española e entre 16 anos e menos de 30. A inscrición en http://www.empleo.gob.es/es/garantiajuvenil/accesoJovenes.html.
Plan participativo
A comezos deste ano, Deputación e EOI asinaban o convenio de colaboración. Isto supuxo, que o Goberno Provincial iniciase a primeira das tres fase do LUGOWORK. Foi a de diagnóstico, que consistiu no estudo dos perfís profesionais que necesita o tecido empresarial da provincia para mellorar a súa competitividade. O obxectivo desta fase foi coñecer as necesidades laborais dos diferentes sectores produtivos da provincia para, en base ás mesmas, definir as accións formativas do LUGOWORK, dirixidas a lucenses menores de 30 anos e no paro. “Esta fase de diagnóstico foi totalmente participativa, pois, creo, que esta é a mellor fórmula para coñecer as necesidades laborais das empresas lucenses; ademais de ser o único xeito de acadar unha verdadeira inserción laboral na nosa provincia”, subliñou Campos Conde.
Deste xeito, o Goberno Provincial mantivo encontros participativos coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostaleira de Lugo; Asociación Provincial de Empresarios da Construción; Fundación Laboral da Construción; Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo; Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios; Asociación Provincial de Jóvenes Empresarios; Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxía da Información e Comunicación; Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira; Asociación Provincial de Fabricantes de Pan; Asociación de empresarios de transporte de mercancías e coa Asociación provincial empresarial de Confitería e Pastelería de Lugo.
“Ademais destas 11 reunións de traballo con representas dos principais sectores económicos da provincia; puxémonos en contacto con máis de 600 empresas lucenses, ás que lles remitimos unha enquisa para coñecer as súas demandas laborais. Con toda esta información, elaboramos un estudo, que recolle as principais necesidades do tecido produtivo da nosa provincia. En base ao mesmo, definimos as primeiras accións formativas do LUGOWORK”, explicou o Presidente.























Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



