Ribadeo, 16 de xaneiro de 2017. A Concellería de Cultura ven de presentar a a axenda de actividades para este primeiro trimestre do ano na que destacan a celebración de charlas con escritores en centros de ensino, o ciclo de cine Proxecto-R, concertos de música, os actos do Entroido e a actuación de Leo Bassi o vindeiro 4 de febreiro.
O edil Farruco Graña anunciou que “temos no plano literario algúns actos discretos, pero ben importantes para nós, porque seguimos insistindo en achegar o mundo das letras aos centro de ensino. Mañá mesmo María Solar estará no IES de Ribadeo para falar da súa obra As horas roubadas. Máis adiante tamén nos visitará María Reimóndez nun acto ao que asistirán os dous centros educativos, tanto o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo como o Sagrado Corazón”.
O concelleiro de Cultura aproveitou para lembrar “a todos os mozos e mozas que aínda están a tempo de enviar tanto obra escrita como plástica ao I Certame Literario e de Artes Plásticas Xuvenil de Ribadeo, ata o 31 de xaneiro, así que apuren as últimas ideas e anímense a presentar que a de ser ben interesante a aposta”.
Graña relatou que “no que se refire á sétima arte, temos unha novidade este ano que xa foi presentada hai uns días, que é o Proxecto-R. O colectivo Doce do Patíbulo, e contando co apoio do Concello como non podía ser menos porque estamos ben orgullosos de que haxa iniciativa por parte da propia cidadanía para facer actos culturais, poñen en marcha o Proxecto-R como afán de recuperar o espírito dos cine clubs. Este mércores, 2001: Unha odisea do espazo será proxectada no Cine Teatro, o 8 de febrero, Fantastic Mr. Fox, e o 15 de marzo Bone Tomahawk. Trátase de tres filmes clásicos na historia do cine que poderán ser vistos en versión orixinal con entrada libre totalmente gratuíta, e co afán por parte de todos e todas de participar no posterior debate”.
O concelleiro de Cultura engadiu que “tamén para o mundo do cine debemos destacar especialmente a presentación de Sicixia, o 28 de xaneiro, unha proxección que se vai facer en Cinelandia coa entrada habitual que pagamos para calquera película que se proxecta nas salas comercias, e co afán de normalizar a proxección do cine galego, feito en galego e por galegos e galegas, para proxectar a nosa cultura cara ao mundo. É unha ocasión especial e ademais de poder charlar despois da proxección co director da película, e comentarvos calquera cousa que nos puidera chamar especialmente a atención”.
Farruco Graña asegurou que “seguiremos apostando polo mundo da sétima arte, neste caso xa a unha escala máis familiar, máis achegada a nós, apoiando o certame dos Youtubeiros. En concreto ademais imos facer un obradoiro na Omix, o 18 de febreiro, aprendermos a facer un pequeno vídeo para colgar na rede e participar no concurso de Youtubeiros que xa presentamos hai un tempo”.
O concelleiro ribadense engadiu que “no ámbito da música A Brigada Bravo & Díaz vainos visitar este venres, 20 de xaneiro, cun concerto especial no marco do II Curso de Música Tradicional Galega que se vai celebrar o sábado 21 e o domingo 22 de xaneiro na Escola de Música. Contaremos nese curso con Davide Salvado, Pepe Baamonde, Miguel Anxo López e Javier Feijoó, cun concerto previo da Brigada Bravo & Díaz no que poderemos escoitar ao mellor tocador de zanfona que poida haber nestes momentos polo mundo adiante. Tamén con outro toque distinto, pop-rock, visitaranos Bitter Sweet, será o 11 de marzo ás 20:30 horas no Cine Teatro. É un grupo de mozos que tocan música pop-rock que sendo como son de Sevilla, sen embargo á hora de sacar adiante un traballo musical seu, sabendo como sabían de Ribadeo, teñen pasado por aquí nalgunha ocasión e feito unha visita pola Mariña luguesa en conxunto, pareceulles ben emblemática esta vila como para dar nome a un LP que sacaron con ese título, Ribadeo. Así que teremos ocasión de gozar da boa música e de compartir con eles as súas inquedanzas pola vila de Ribadeo”.
Graña comentou que “xa no ámbito do teatro temos un prato forte ben xeitoso, que serve un pouco de antesala ao espírito do Entroido. Imaxínense que nestes momentos puidéramos contemplar en Ribadeo ao mesmo Papa Leo Bassi, ao monarca Leo Bassi. É un home transgresor onde os haxa, cunha actitude bufonesca total, el mesmo declara ser o bufón maior do reino, así que teremos a ocasión de poder escoitalo e de contemplar o seu saber facer na arte da escena, o 4 de febreiro no auditorio Hernán Naval. A entrada será 10 euros e pódese adquirir vía chamada telefónica”.
O concelleiro engadiu que “tamén no ámbito do teatro, pero xa máis próximo a nós, o Grupo de Teatro de Ribadeo seguirá facendo as súas representacións da obra O inspector, neste caso na escola de Cinxe o 29 de xaneiro ás 18:00 horas. Teremos ademais teatro para a familia a través do programa Apego, os bebés, os pequenos e os seus país e as súas nais poderán estar con eles escoitando a Raquel Queizás na Biblioteca, o sábado 11 de marzo ás 17:30 horas. E teatro para toda a familia cos Gazafellos, o 19 de marzo no Teatro ás 17:30 horas tamén”.
Farruco Graña salientou que “hai teatro, música, cine, pero sobre todo Entroido. Non en van a nosa programación cultural neste trimestre leva unha fotografía de cómo celebrabamos o Entroido hai moitos anos en Ribadeo. De feito como ben nos recordan José González e Gilberto Suárez no seu libro 25 aniversario do Entroido ribadense, “en Ribadeo xamais deixou de celebrarse o Antroido, e con prohibición e sen ela, moitos veciños e veciñas entusiastas e con gañas de divertirse, foron sempre animando as súas rúas por estas datas, coa súa ledicia contaxiosa, cos seus traxes, moitas veces vestidos sobre a marcha, e sobre todo co seu enorme poder de convocatoria”.
O edil de Cultura quixo “animar a todos os homes e mulleres, mozos e mozas, nenos e nenas de Ribadeo a sumarse á celebración do Entroido a finais de febreiro, e a toda esta programación cultural do primeiro trimestre participando intensamente nos seus actos”.
A axenda cultural de Ribadeo foi presentada no salón de plenos do Concello por Farruco Graña e pola técnica de Cultura, Neves Paz.






















No acto, o autor estará acompañado por Xosé Ramón Veiga, profesor de Historia Contemporánea na USC, e por Francisco Villamil, profesor de Ciencia Política na Universidade Carlos III. A Galicia moderna (1880-1939) desmonta a visión tradicional dunha Galicia rural, atrasada e pasiva no cambio de século, e amosa a profunda transformación económica, agraria e social que viviu o país nese período.
No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.



