Cervo, 27 de xaneiro de 2017.- O Concello de Cervo vén de rematar as obras de acondicionamento da Escola de Castelo. Os traballos de mellora supuxeron un investimento duns 6.000 euros e consistiron na instalación de equipos calefactores, así como a pintura interior do edificio municipal.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a concelleira delegada de Servizos Sociais, Pilar Armada, visitaron as instalacións, onde a Asociación de Mulleres Rurais As Espalladores estaba a impartir, neste caso, un obradoiro de pintura. Alí puideron comprobar, en primeira persoa, o resultado dos traballos de adecuación e mantemento destas instalacións municipais que albergan tamén diferentes actividades organizadas polo Concello, como poden ser os obradoiros de memoria.
Villares recorda que é un compromiso e un deber deste Goberno “manter os edificios públicos en perfectas condicións para que os veciños e veciñas gocen de espazos axeitados para realizar as diferentes actividades programadas, e para que as asociacións e colectivos deste Concello teñan un lugar axeitado no que desenvolver o seu valioso traballo, co que contribúen tan activamente a dinamizar o noso municipio”.