Burela, 25 de setembro de 2017. Noelia Mª Ben, concelleira de Medio Ambiente, fai un balance positivo das actividades desenvolvidas durante a Semana da Mobilidade, que tiveron lugar do 16 ao 22 deste mes. E anuncia que no mes de outubro serán expostos na Casa da Cultura os traballos presentado ao concurso de debuxo infantil, convocado para que os máis pequenos e pequenas plasmasen o que é para eles a mobilidade.
A edil burelesa declarou que “estamos moi contentos pola gran participación e implicación de todos os colectivos durante a Semana. Cada ano facemos unha semana con máis actividades. Neste caso tivemos un taller coa Asociación Stop Accidentes, que se levou a cabo cos alumnos de 4º da ESO dos IES de Burela. Foi algo que nos pareceu de gran interese, e esperamos poder seguir colaborando con eles. Outra das novidades foi o taller de Plantas Aromáticas e Medicinais, ofertamos 20 prazas e cubríronse todas, a xente saíu moi contenta e mostrounos o seu interese en participar en actividades deste tipo”.
Noelia Mª Ben dixo que “dende a miña Delegación estamos elaborando unha programación de actividades para a poboación adulta, a miña intención é ofertar unha actividade por mes como mínimo. No que respecta ás actividades destinadas á poboación infantil sempre temos unha gran participación, este ano por primeira vez fixemos un concurso de debuxo infantil no que os rapaces plasmaron o que é para eles a mobilidade, o resultado gustounos moito e imos expor os debuxos na Casa da Cultura dende o 9 de outubro ata finais de mes”.
A concelleira de Medio Ambiente tivo tamén palabras de agradecemento para todos os colectivos e asociacións que se sumaron á Semana da Mobilidade e para os traballadores do Concello de Burela: “gustaríame aproveitar esta ocasión para darlles as grazas a todas as asociacións, colectivos e traballadores do Concello que fixeron posible levar a cabo unha programación tan ampla e variada durante toda a Semana da Mobilidade, que esperamos poder seguir mellorando ano tras ano. E para rematar animar á xente a utilizar menos o coche para traxectos curtos e apostar por camiñar, que sen dúbida é moito mellor para todos, incluído o medio ambiente”.
