Burela, 1 de setembro de 2017. A Concellería de Servizos Sociais organiza un ano máis un obradoiro para a prevención da dependencia destinado a persoas maiores de 65 anos. A inscrición no programa Axilmente estará aberta ata o 11 de setembro no Concello burelés.
A concelleira Patricia Otero explica que “os interesad@s poden inscribirse dende hoxe, 1 de setembro, e ata o día 11 deste mes na Casa do Concello, en horario de 8:00 a 15:00 horas. Será preciso presentar o DNI e para calquera dúbida poden poñerse en contacto chamando ao teléfono 982 58 06 09, ou ben persoalmente”.
A edil socialista subliña que “esta actividade está dirixida a residentes no concello de Burela e con preferencia os/as empadroados/as aquí. O programa denomínase Axilmente e terá lugar en dúas quendas, os luns e mércores e martes e xoves, de 17:00 a 18:30 horas na Casa da Terceira Idade de Burela. Dará comezo o vindeiro luns, 4 de setembro, aínda que mantemos aberta a inscrición ata o día 11”.
A concelleira de Servizos Sociais, Patricia Otero, indica que “se trata dun obradoiro de promoción da autonomía persoal, de carácter gratuíto, baseado na estimulación cognitiva e na prevención da dependencia. E no mesmo preténdese traballar as variables que determinan o envellecemento exitoso, de forma que incidindo nelas, as persoas maiores adquiran as ferramentas necesarias para mellorar a súa calidade de vida, ser autónomas nas actividades da vida diaria e incorporar unha serie de hábitos de autocoidado, tanto no ámbito sanitario como cognitivo”.