Burela, 28 de setembro de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, visitaron hoxe o colexio Vista Alegre para supervisar as obras de instalación do solo de seguridade no parque infantil do centro. O edil socialista dixo que o Concello ten que rematar unhas obras que a Xunta anunciou a bombo e platillo e que “deixou a medias”.
Ramiro Fernández Rey dixo que “no día de hoxe tanto o alcalde de Burela, Alfredo Llano, como eu mesmo fomos facer unha visita a unha obra que a Xunta de Galicia deixou a medias. Foi unha obra que se fixo no colexio Vista Alegre e que se anunciou a bombo e platillo na prensa, e ao final tivemos que acabar rematando o Concello e asumindo custes que non deberíamos asumir, pero pensamos que non podía quedar a obra como a deixaron”.
O concelleiro de Obras explicou que “falamos de poñer un solo de seguridade ao parque que fixeron no colexio Vista Alegre, a Consellería de Educación fixo unha soleira e puxo tres xoguetes alí, pero non completaron a obra, non se puxo o solo de seguridade, e evidentemente non podía quedar o solo dun centro infantil sen a protección adecuada. Por iso o Concello decidimos asumir o custe do material e de recursos humanos ao facer esa obra”.
Fernández Rey espera que “entre esta semana e a que ven a obra quede rematada e xa os cativos poidan disfrutar dese parque que quedou a medio facer por parte da Xunta de Galicia”.
