Burela (Lugo), 19 outubro de 2017.- A Casa do Mar de Burela ofrece aos profesionais do sector pesqueiro incluídos no Réxime Especial do Mar facilidades de aloxamento en condicións proveitosas, con prezos moi inferiores aos normais do mercado hoteleiro.
A Consellería de Política Social pon en Burela á disposición dos traballadores da pesca 10 habitacións e 24 camas (8 habitacións dobres e 2 habitacións con 4 camas) a prezos que oscilan entre os 7,50 euros e os 9,15 euros por persoa e día (IVE incluído) en función da tipoloxía da habitación escollida.
Nova gobernanta
Así o explicou o delegado territorial, José Manuel Balseiro, nunha visita ás instalacións, nas que aproveitou para presentar á nova gobernanta, Alicia Rodríguez Íñiguez, que dirixirá un cadro de persoal que inclúe tres ordenanzas, ademais de persoal de limpeza, e vixilancia.
Condicións de hospedaxe
Para garantir a dispoñibilidade de prazas, a hospedaxe nestas instalacións leva aparellada a limitación temporal de uso, xeralmente dunha semana, que pode ser ampliada en consideración ás circunstancias que se puidesen dar na problemática do mariño concernido e, por outra banda, do grao de ocupación na Hospedaría.
Teñen preferencia absoluta de acceso os traballadores españois, con independencia do pavillón dos buques nos que estean enrolados. Tamén poderán aloxarse nas Casas do Mar, a falta dos anteriores, por orde de preferencia pensionistas do Réxime Especial do Mar e os seus beneficiarios, traballadores do mar estranxeiros que naveguen en buques españois, entre outros.
Os interesados en beneficiarse deste servizo deberán presentar caderno de navegación ou carné profesional, telegrama de comunicación de embarque, cartilla da seguridade social ou calquera outro documento que xustifique a súa pertenza ao sector.
Na Mariña lucense, tamén a Casa do Mar de Celeiro (Viveiro) ten a disposición dos profesionais do mar 18 prazas de hospedaxe, con 8 habitacións: 6 dobres, 1 individual e outra máis con 5 liteiras.
Outros servizos
As instalacións da Casa do Mar de Burela tamén acollen oficinas administrativas e sanitarias do Instituto Social da Mariña (ISM), un salón de actos e biblioteca, e distintos servizos como o de atención temperá que conta cunha subvención de 118.168,05 € para os anos 2016-17 ou oficinas, de titularidade da Consellería de Política Social e cedidas a entidades de interese social como Afan, a asociación de familiares de enfermos de Alzheimer.