Viveiro 24-10-17. O 24 de outubro celébrase o Día Mundial das Bibliotecas e, con este motivo, quero aproveitar a ocasión para facer un pequeno balance dos servizos ofrecidos na Biblioteca Municipal.
A nova Biblioteca Municipal abriu as súas portas ao público en marzo de 2013, instalándose no edificio histórico que anteriormente albergaba a casa do concello. As obras de restauración e habilitación duraron máis de tres anos e supuxeron unha inversión superior aos 400.000 euros. A Deputación Provincial de Lugo participou no financiamento destas obras a través do Plan de Obras e Servizos (POS), cunha achega en tres anualidades por importe de 351.850 euros; ademais, a Deputación Provincial de Lugo financiou de forma íntegra os 70.000 euros correspondentes ao mobiliario.
As instalacións da Biblioteca Municipal caracterízanse por presentar espazos amplos, luminosos e modernos, nos que predominan a madeira, o vidro e a pedra. Na planta baixa sitúase a recepción e a sala de exposicións que, ao longo de todo o ano, adoita acoller conferencias, presentacións e exposicións de todo tipo. Na primeira planta sitúase o fondo local antigo, onde os volumes máis antigos en se protexen en vitrinas, e as enciclopedias. Na segunda planta están os volumes de ficción -novela, poesía e teatro- e a zona de literatura infantil e xuvenil, na que se adoita dispoñer dos libros de lectura que piden nos centros educativos do municipio. Na terceira planta sitúase a área de ciencias -humanidades, pedagoxía, historia, xeografía, arte, filosofía, etc.- e mais a aula de informática, con ordenadores fixos nos que os usuarios poden conectarse a internet. Nas tres plantas hai salas de estudo e todo o inmoble conta con wifi gratuíto.
A día de hoxe a Biblioteca Municipal conta con 17.566 volumes e 2.209 asociados. Neste sentido cómpre destacar que nos últimos 6 meses se catalogaron 250 libros de literatura infantil e xuvenil e 220 para adultos, grazas ás subvencións recibidas, e que se deron de alta 133 usuarios. É necesario indicar, así mesmo, que a media de visitas diarias ascende a 60 persoas, ademais daquelas que se achegan a estas dependencias para facer uso das salas de estudo.
As bibliotecas son un recurso cultural fundamental e a súa labor sociocultural é imprescindible. Por esta razón, considero que é necesario fomentar a lectura e reivindicar a importancia das bibliotecas, entendidas como lugar de encontro para os lectores de distintas xeracións e, tamén, como fonte de cultura, coñecemento e formación. Neste sentido, no que vai de ano, dende a Biblioteca Municipal organizáronse tres actuacións, dentro do programa Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia, destinadas ao público infantil; estas actividades teñen unha gran acollida, esgotándose sempre as entradas dispoñibles. Ademais, a Concelleira de Cultura, Muller e Xuventude tamén está a realizar as xestións necesarias para ampliar a zona destinada ao público infantil e xuvenil con melloras destinadas a promover a lectura entre os máis pequenos. Todas estas accións forman parte das iniciativas que dende a Concellaría de Cultura, Muller e Xuventude se están levando a cabo nestes últimos anos co fin de dinamizar a Biblioteca Municipal, dándolle un impulso innovador a este espazo tan importante.
Por último, quero aproveitar esta celebración para agradecer e lembrar publicamente as xestións realizadas polo anterior alcalde. A rehabilitación da antiga casa do concello e o traslado da biblioteca a este inmoble fíxose durante o mandato de Melchor Roel, quen realizou as xestións necesarias para buscar o financiamento necesario para converter a antiga casa do concello nunha biblioteca moderna, céntrica e funcional, unha gran biblioteca que debemos valorar e disfrutar.
A alcaldesa
María Loureiro García