Lugo 30-11-17. A candidata á secretaría xeral do PsdeG-PSOE, Patricia Otero, solicita aos outros dos candidatos á secretaría xeral, un debate público, onde poden estar presentes os afiliados da provincia, a cidadanía en xeral e os medios de comunicación. Considera, que o sábado día 2 de decembro podería ser un bo día para celebralo, porque é o remate da campaña das primarias.Comunica que no día de hoxe, poñerase en contacto coa organización das primarias, para que a súa vez comunique esta proposta que lle fai aos outros dous compañeiros.
Tamén sinalou os aspectos máis salientables da súas propostas. No plano político destacou a necesidade dun Pacto Social e Político polo Crecemento Demográfico. Así mesmo impulsará un pacto polo emprego estable, digno e de calidade en Lugo.
Respecto das peticións en materia de infraestruturas de comunicación sinalou como reclamacións: unha Estación Intermodal e o AVE, o corredor da mariña; a autovía A-76 fundamental para o Porto Seco de Monforte.
Potenciar os servizos públicos de calidade: a unidade de hemodinámica as 24 horas do día; oposición ao desmantelamento das áreas sanitarias de Monforte e Burela. Solicitará a modificación da lei de servizos Sociais de Galicia para que sexa prioritarios os concertos coas residencias públicas, como é o caso das residencias construídas pola Deputación.
No aspecto orgánico comentou que liñas fundamentais de actuación: maior democracia, participación e transparencia e con vocación de rexeneración da política; a militancia será considerada fundamental neste proceso de renovación; os cargos orgánicos e institucionais renderán xestión periodicamente diante da militancia; as comarcas terán un maior protagonismo; as primarias e as listas abertas serán actuacións permanentes no marco estatuario; crearase a secretaría da militancia, artellaranse canles de comunicación directa entre o partido e a militancia.
Fixo referencia a que a impresión que sacou neste proceso é que a militancia ten gañas de que se renove o partido. Nesa liña indicou que ela representaba a renovación, a integración e a unidade. Afirmou neste sentido que estes tres principios son os que poden ser claves na reconciliación de todos e facernos máis fortes.
Por último enviou unha chamada a toda a militancia para que participe amplamente, o domingo día 3 de decembro, porque é momento en que todas aquelas esperanzas de cambio que teñen pódense ver cumpridas.