Cervo 27-12-17. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de educación, Dolores García Caramés, entregaron as axudas para o transporte aos alumnos que cursan estudos fóra do termo municipal; sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do Concello.
Tal e como sinalou o rexedor, Alfonso Villares, trátase dunha subvención financiada ao 100% con fondos municipais, e este ano decidimos dar un paso máis, incrementando as axudas nun 25% por cada alumno beneficiario, o que supón que cada estudante que cumpra os requisitos recibiu 250 euros, 50 euros máis que o pasado curso.
O obxectivo non é outro -engadiu- que o de “brindar apoio ás familias, porque somos conscientes do gran esforzo económico que supón para moitas delas a educación dos seus fillos, e contribuír, así mesmo, a que exista igualdade de oportunidades. E por suposto, é unha forma de apoiar a formación e o estudo, ao igual que facemos con outras subvencións tamén municipais, como é o caso das axudas ao material escolar e libros, ás ANPAS ou aos colexios”.
Entre os requisitos, por exemplo, tivéronse en conta os ingresos económicos da unidade familiar, que ten que estar empadroada no Concello de Cervo; e o alumno debe ser menor de 30 anos.
Ademais, o beneficiario debe cursar algunha destas titulacións: Ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no Concello de Cervo), ou calquera das seguintes ensinanzas en grao medio ou superior, como son FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ou deportivas.