Lugo, 29 de xaneiro de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo hoxe entrega de dúas vivendas de promoción pública en Burela, ambas en réxime de alugamento.
A primeira é unha vivenda de tres dormitorios situada na rúa Luis Seoane, de 83 metros cadrados de superficie e dotada con garaxe e trasteiro. Igualmente, entregouse outra vivenda de dous dormitorios e 65 metros cadrados situada na rúa Valle Inclán, tamén con garaxe e trasteiro.
Balseiro lembrou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) dispón aínda de vivendas vacantes nestas promocións construídas en Burela, e instou ás persoas interesadas a consultar as condicións e inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida.
Neste sentido, lembrou que nos vindeiros días se celebrarán os sorteos dos que sairán os listados de adxudicatarios dos distintos municipios, que toman como base o censo do Rexistro Único de Demandantes.
Balseiro incidiu en que neste momento hai concellos que xa esgotaron os listados e non quedan persoas interesadas para facer chamamentos pese a ter vivendas baleiras, situación que se da, por exemplo, en Viveiro, onde hai pisos situados en pleno casco histórico.
A inscrición no Rexistro pode realizarse presencialmente ou a través da sede electrónica da Xunta e ten unha vixencia de tres anos. Cada interesado pode sinalar un máximo de tres concellos na solicitude: un como preferente e dous máis como subsidiarios, que deben de ser limítrofes co indicado como preferente ou estar na mesma área de influencia.