Lugo, 17 de xaneiro de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde avanzou este mércores as máis de 20 mostras e coleccións que acollerán as salas expositivas do organismo provincial ao longo de todo o ano, cun carácter significativo, pois neste 2018 celébrase o Ano do Patrimonio Europeo. Fíxoo xunto á Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e ás responsables da Rede Museística Provincial e o CENTRAD, así como persoal dos museos.
Campos Conde subliñou que “esta nova programación conta con máis de 20 exposicións nas que se poderán desfrutar de obras de pintores como Murillo, Zuloaga, Sorolla, Ribera ou Rosales, entre outros grandes artistas. Ademais haberá unha mostra de gravados, dende as primeiras vangardas ata as propostas posmodernas de finais do século pasado, na que estarán presentes obras de artistas tan importantes na historia da arte como Picasso, Andy Warhol, Dalí, Tapies ou Saura”.
O Presidente explicou “esta ampla programación recolle gravado, pintura, escultura, así como mostras de traballos colectivos, cun marcado carácter social como Culturas en diálogo ou Fotografía a cegas”.
A Deputada de Cultura explicou que “os visitantes poderán gozar dunha completa programación cultural na que se inclúe a obra de David Catá, que aínda está exposta; pezas cedidas gratuitamente pola familia Gil Varela, que conta con pinturas de Murillo, Zuloaga, Sorolla, Ribera ou Rosales; a mostra de Picasso a Annish Kapur, que percorrerá os catro museos da rede provincial e na que estarán presentes pinturas de Andy Warhol, Dalí, Tapies ou Saura. Ademais acollerá a obra do escultor Pepe Galán; o traballo do arquitecto e escultor chantadino, Manuel Jorge; unha retrospectiva do profesor mindoniense-valenciano, Juan Puchades; a colección de Luís Seoane; acuarelas de Elías Seguro; a obra do artista monfortino, Roberto González, así como outras coleccións como Nós+outrxs en rede ou Culturas en Diálogo”, sinalou.
García Porto lembrou que esta mesma semana inaugúranse as exposicións do CENTRAD. “o vindeiro venres 19 de xaneiro, a Capela de Santa María acolle a primeira mostra do 2018, baixo o título “Sons do barro”, que recolle unha colección única e excepcional dun centenar de instrumentos sonoros feitos con arxila. Despois continuará coa programación musical do MUSICAD, así como unha mostra de Traxandaina sobre vestimenta tradicional galega. Ademais o artista viveirense Otero Regal exporá a súa obra máis recente e haberá unha retrospectiva do traballo dos zoqueiros na provincia”.
Nova museoloxía
A Deputada de Cultura lembrou que a Deputación presenta a nova programación sen rematar aínda a do ano 2017, e remarcou que “dende a nosa área seguiremos traballando nos proxectos dos postulados da nova museoloxía, que avogan pola museoloxía social, co fin de incorporar á comunidade aos espazos expositivos para pasar de ser lugares de contemplación a espazos de diálogo social”.
Programación
Museo Provincial de Lugo
Colección Gil Varela (15 de febreiro-15 de abril)
Colección Álvaro Gil Varela. Pasión pola Arte. Con esta exposición a familia Gil Varela a través da coñecida relación coa Deputación e coa provincia de Lugo, achega de forma gratuíta parte da súa destacada colección de arte propiedade da familia ao Museo Provincial, na que poderemos ver obra de pintores da historia da arte tan importantes como Murillo, Zuloaga, Sorolla, Ribera ou Rosales, entre outros artistas.
De Picasso a Annish Kapur (24 de abril-20 de xuño)
Unha exposición pedagóxica, unha viaxe pola historia do arte contemporáneo español, dende as primeiras vangardas ata as propostas posmodernas de finais do século pasado. Travesía na que estarán presentes obras dalgúns artistas internacionais. Os máis relevantes serán, entre outros, Picasso, Andy Warhol, Dalí, Tapies ou Saura.
Pepe Galán (5 de xullo-2 de setembro)
Proxecto que abarca os 25 anos de traxectoria do artista amosando unha escolla da obra máis representativa do escultor galego Pepe Galan.
Fundación Manuel Jorge (13 de setembro-11 de novembro)
Autor de orixe chantadina, recoñecido pola súa obra arquitectónica e pictórica, achégase o Museo Provincial cunha mostra retrospectiva a través de retratos, esbozos e obra gráfica.
Juan Puchades (29 de novembro-31 de xaneiro)
Retrospectiva da obra de escultor de Cunqueiro, Puchades, enmarcada dentro dos moitos recoñecementos que está recibindo o artista valenciano, afincado en Mondoñedo, tanto pola súa obra escultórica como polo seus traballos de gravado. A exposición percorrerá a súa vida a través da súa obra.
Refectorio do Museo
A pintura mural de Santa Eulalia de Bóveda, Elías Seguro (xaneiro-abril)
Conxunto de reproducións realizadas polo restaurador e conservador de obras de arte, Elías de Segura no ano 1927. Son debuxos e acuarelas tomadas in situ en Santa Eulalia de Bóveda, e que se conservan no Museo Arqueolóxico Nacional.
Escola de Artes Ramón Falcón (maio)
Os alumnos da Escola de Artes Ramón Falcón exhiben os seus traballos, que forman parte da súa aprendizaxe ao longo de todo o curso nas aulas lucenses.
Roberto González (xuño-setembro)
Crearase un diálogo entre as pezas existentes nas coleccións permanentes dos Museos da Rede Museística e os lenzos realizados polo artistas monfortino.
Fotografía a cegas (novembro)
Dende a rede museistica queremos que as obras sexan accesibles, sen que os diferentes códigos de interpretación actúen como barreiras. Así nace este proxecto para que as persoas con dificultades visuais poidan interpretar as obras que se exhiben. Museos para todos entre todos.
Guerrilla de palabras, Culturas en Diálogo (decembro)
Nova proposta de marcado social na que conflúen os museos e as persoas.
Pazo de San Marcos
“Eu ti elas nosoutras. Nos + outrxs en rede”
Esta mostra continua no 2018 e ampliase cunha maior confluencia de mulleres artistas en “Eu ti elas nosoutras. Nos + outrxs en rede”. Proxecto integrado por 12 exposicións con obras realizadas por mulleres.
Colección Luís Seoane (12 abril-30 de xuño)
Coincidindo co 50 Aniversario da Planta Circular de Sargadelos realizarase unha completa mostra de Luís Seoane que contén óleos, gravado, parte editorial e a cerámica do protagonista da linguaxe sargadeliana.
Premio Galicia de Fotografía (novembro-xaneiro)
A Sala de exposicións de San Marcos será novamente o espazo que acollerá ao gañador deste certame de fotografa, que xa está consolidado, e co que colabora o organismo provincial.
CENTRAD
Sons do Barro (xaneiro)
Inaugurase este venres, baixo o título “Sons do barro”, recolle unha colección única e excepcional dun centenar de instrumentos sonoros da arxila. Estará aberta ata o 25 de febreiro.
Programación dos Concertos do MusicAD (marzo)
Son concertos gratuítos que o Goberno da Deputación leva á Capela de Santa María durante este mes, a través desta programación promocionáse a música con base tradicional galega.
Exposición do traxe tradicional galego (abril)
O grupo Traxandaina, obradoiro artesán adicado á localización, estudo e reprodución do traxe galego na provincia de Lugo, realizará unha mostra da súa colección.
Otero Regal (xullo)
O artista mariñán Alfonso Otero Regal (Nois, 1952), é o creador da marca REGALCERÁMICA que recibiu o Premio Nacional de Artesanía no ano 2011.
Zoqueiros (setembro)
A sala de exposicións da Deputación acolle unha mostra sobre o traballo, a historia e as tradicións dos zoqueiros na provincia de Lugo.























A área de Deportes reforzará o seu respaldo ao club cunha subvención excepcional ligada á presenza neste torneo estatal. O vicepresidente Efrén Castro visitou este mércores o equipo en Castro Ribeiras de Lea para trasladarlles ánimo e destacar a importancia de competir a este nivel para dar visibilidade ao deporte feminino e avanzar na igualdade. Ademais deste apoio puntual, a Deputación financia de maneira estable a actividade do club cunha subvención nominativa de 70.000 euros, a principal achega institucional ao seu funcionamento.
A función está dirixida ao público adulto e a entrada será de balde, ata completar aforo. O evento conta coa colaboración do Concello. Unha nova oportunidade para gozar do teatro local e apoiar o traballo das compañías da comarca.
Sinopse: Cando chega a noite e nós durmimos, a Lúa asoma polas fiestras e goza dos nosos soños. Así descobre historias máxicas, tolas e divertidas. Os seus soños favoritos son os de Calcetín, un personaxe amante da lectura e cunha imaxinación desbordante. Viaxa entre estrelas, pilota un zapato que percorre os mares ou chega ao mundo do revés. Unha proposta chea de fantasía e creatividade para fomentar o gusto pola lectura entre os máis pequenos.
Na presentación participaron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias e o deputado de Rural Daniel García, que puxeron en valor a tradición e o traballo das filloeiras. A organización prevé poñer á venda 18.000 filloas, incluíndo opcións sen glute, e o recinto feiral acollerá artesanía, música, obradoiros e a entrega dos premios do concurso escolar. O xornalista David Valverde Cabaleiro será o pregoeiro. A Vicepresidencia da Deputación colabora coa actuación de Nubeiro e cunha degustación de xamón de porco celta a través do programa Un Gusto de Rural. Arredor de 150 persoas participarán na organización ao longo da xornada.
A reorganización dos espazos —stands na Praza do Casino e presentacións no Cine Fantasio— foi clave para o éxito. A concelleira de Cultura, Patricia Rodríguez, destacou a boa acollida e a resposta do público, valorando moi positivamente o novo formato.
Estivo organizada polo Motoclub Os de Sempre, que reuniu este fin de semana a centos de participantes chegados de Galicia, Asturias, León e o Bierzo. O programa incluíu unha ruta nocturna en homenaxe aos moteros falecidos, ademais de momentos de convivencia en comidas e actuacións musicais dos grupos Primera Línea e Malditos Pendejos. Na entrega de trofeos participaron o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a concelleira Isabel Rego.
Destacou o seu valor como punto de encontro e motor económico e cultural da comarca. Arias puxo en valor o labor do Concello por manter eventos de referencia como a Moexmu, esta feira e a próxima Festa da Filloa, que contribúen a promover o sector agrogandeiro e a tradición galega.



