Mondoñedo, 12 de abril do 2018. O grupo municipal do BNG no concello de Mondoñedo defenderá no pleno ordinario de mañá venres día 13 unha moción para que o goberno municipal elabore un inventario de vías e camiños públicos de titularidade municipal.
O voceiro nacionalista, Eloi Cabanas, apunta que o concello de Mondoñedo non dispón dun inventario de camiños públicos nin doutro tipo de documento que acredite a titularidade deste tipo de vías, e con esta iniciativa pretenden proporcionar unha maior seguridade xurídica e dotar ao concello dunha ferramenta de traballo fundamental para clarificar a titularidade pública ou privada das vías e camiños que integran a rede viaria do concello. “Sería unha ferramenta eficaz que permitiría ademais axilizar trámites, solventar problemas entre veciños e veciñas e programar obras de mellora”.
Para o portavoz do BNG a competencia municipal en materia de vías públicas alcanza tanto ás vías urbanas como os camiños rurais, “é obrigación das entidades locais protexelos e mantelos nun bo estado de conservación”.
-PREGUNTAS PARA PLENO-
O BNG INTERÉSASE POLA SITUACIÓN LEGAL NA QUE SE ENCONTRA A CANTEIRA DE LOUSA EN VEIRA DO RÍO.
Despois da emisión dun informe dos servizos técnicos municipais que di que a comunicación previa da ampliación da explotación mineira “As Revas” nº5646 presentada o 20/06/2016 non ten eficacia ao estar pendente de aportar documentación así como de realizar aclaracións que non foron aínda feitas perante o concello de Mondoñedo.
O BNG pregunta se a empresa está traballando legalmente e se presentou toda a información que faltaba ou que estaba incompleta.
OBRAS DE MELLORA NA N-634.
O BNG mindoniense pregunta polas obras de mellora anunciadas en varias ocasións na N-634.
Segundo o grupo nacionalista a alcaldesa de Mondoñedo e outros representantes públicos do Partido Popular anunciaron publicamente en varios foros a existencia dun proxecto en fase de redacción para obras de mellora, que incluían aglomerado en quente, melloras na sinalización, limpeza e perfilado de cunetas ou o cerramento de tramos para evitar a entrada de animais á estrada.
O BNG pregunta se o concello ten información dos prazos previstos para realizar as obras e se o Ministerio de Fomento ten en conta a proposta do BNG local, aprobada por unanimidade pola corporación municipal o 30 de outubro do 2015, de prolongar o terceiro carril ata a rotonda de enlace coa A-8 no alto da Xesta.