Burela, 10 de maio 2018. Este venres 11 de maio, ás 20:30h, o BNG abre as portas da súa nova sede en Burela, na Avda Arcadio Pardiñas, 80, Entrechán A. Este local, ademais de albergar actividades propiamente orgánicas, servirá tamén para acoller encontros coa veciñanza e cos diferentes colectivos da sociedade burelá co fin de contrastar ideas e propostas para unha Burela mellor.
Olalla Rodil informará de diversas iniciativas levadas ao Parlamento relativas a Burela e á Mariña
Neste acto de inauguración @s nacionalistas burelaos estarán acompañados por cargos orgánicos e institucionais do BNG na Mariña, coa responsable comarcal Ana Ermida ao frente, e contarán coa presenza da deputada no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, que aproveitará a ocasión para dar conta das últimas iniciativas presentadas no Parlamento, informando á veciñanza do resultado das mesmas. Neste sentido, informará da presentación dunha iniciativa realizada no mes de novembro na que se solicitaba a creación do servizo de fisioterapia no Centro de Saúde de Burela e que o Partido Popular rexeitou ao non considerar necesario este servizo no Centro de Saúde.
Outra das iniciativas que a deputada nacionalista vén de presentar no Parlamento é a problemática existente na comarca co Servizo de Pediatría nos centros de saúde de Burela, Cervo e Xove, donde non se cubren baixas nin vacacións de persoal médico. Problemática que se produciu noutros concellos da comarca tamén, e moi especialmente en Alfoz e Valadouro, donde xa non contan con ese servizo nos seus respectivos centros de saúde.
Neste acto de inauguración da nova sede presentarase tamén o último número do boletín informativo do BNG en Burela, O Faro, no cal se dá información da actividade política e municipal na localidade.