Burela, 9 de maio de 2018. O Concello ofreceu este mediodía unha recepción ao Pescados Rubén Burela FS, que conseguiu o pasado 1 de maio a Copa Galicia. O equipo recibiu como agasallo unha placa e cada xogador ademais do corpo técnico e o patrocinador foron obsequiados tamén cun detalle. O alcalde, Alfredo Llano, desexoulles sorte para que poidan volver canto antes á división de honra da Liga Nacional de Fútbol Sala.
O rexedor burelés dixo que “tivemos a gran satisfacción de recibir ao Burela FS, os rapaces que acaban de conquistar un trofeo extraordinario, moi meritorio, e que demostra que se están facendo as cousas moi ben nese club. Fixémoslles o recibimento, démoslles as grazas en nome de todo o pobo por esa conquista difícil de acadar como é a Copa Xunta, que tiveron que loitala moito”.
O alcalde engadiu que “lles dixen que isto sería a motivación e a antesala de subir a primeira división que é o que se pretende agora esta fin de semana e a próxima, aquí en Burela”.
Alfredo Llano salientou que “hai que ter en conta que o Burela FS é un bo embaixador do noso pobo en todos os lugares por onde pasa, e somos moi coñecidos e recoñecidos grazas a práctica do deporte, e sobre todo grazas a este club que está facendo as cousas ben desde fai moito tempo. O beneficio para Burela non só é no deportivo, senón que antes ou despois veñen turistas vendo como é o pobo onde xogan estes rapaces”.
O rexedor comentou que “foi unha recepción onde estiveron o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, os patrocinadores e todo o equipo co seu adestrador máis o presidente, a vicepresidenta e directivos do club. Foi moi agradable recibilos aquí e recoñecerlles ese mérito e a confianza que están a dar para volver recuperar a división que lle corresponde a Burela pola súa tradición e pola afección extraordinaria que temos aquí”.
Llano engadiu que “lles demos o empuxe que puidemos desde aquí para que gañen en Sevilla este próximo venres e logren ese triunfo, para que despois veñan aquí a dar o remate. Xa quedamos citados para dentro de pouco tempo para que estean outra vez no Concello e agradecerlles outra fazaña”.
