Ribadeo, 2 de maio de 2018. Ata o 6 de maio estase a desenvolver a orixinal campaña do Día da Nai, que puxo en marcha ACISA Ribadeo hai uns días. En xogo estarán 300 euros en vales de compra para gastar nun só día co asesoramento e acompañamento dun persoal shopper. Trátase da primeira vez que se leva adiante unha acción deste tipo na comarca. Aquelas persoas que fagan as súas compras ata o 6 de maio no comercio asociado obterán as rifas para participar nesta campaña. O boleto gañador será aquel cuxas catro últimas cifras coincidan co premio do sorteo extraordinario da ONCE do 6 de maio, día da nai.
A persoa gañadora deberá recoller o seu premio nos quince días seguintes á data de celebración do sorteo. Este agasallo caducará o 21 de maio. De non ser unha nai a gañadora directa, o gañador ou gañadora deberá designar á súa nai ou a outra que coñeza para regalarlle o premio.
A gañadora gozará dun sábado, no mes de maio, dunha sesión de beleza e dun día de compras guiada por un asesor de imaxe que a acompañará para gastar os 300 euros deste premio, e para ter a oportunidade de que un experto a asesore para facer un cambio de imaxe aínda que sexa por un día. O agasallo incluirá ao menos un tratamento de beleza nun dos centros asociados, unha compra nunha xoiería e unha compra nunha tenda de roupa ou de complementos.
O xerente de ACISA Ribadeo, Jesús Pérez, comentaba hai uns días que “se trata da primeira vez que se pon en marcha unha acción deste tipo na Mariña. Pretendemos que sexa algo novidoso e orixinal nesta zona e queremos incentivar as compras no noso comercio, nos nosos locais asociados, xa que os últimos meses foron complicados para o sector. Desexamos que as vendas aumenten estes días e que esta campaña teña unha boa acollida entre a clientela do comercio ribadense”.
