Burela, 7 de xuño de 2018. Burela está presente desde hoxe e ata o 10 de xuño en Turexpo Galicia en Silleda. Faino con stand propio en Festur, a feira dedicada á exaltación das festas de interese turístico galego. Ata Silleda viaxou o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey. O domingo haberá alí unha degustación de bonito.
O edil burelés confirmou que “Burela está a ter presenza cun stand na Feira da Semana Verde de Silleda, concretamente en Festur, que é un evento dedicado á exaltación das festas de interese turístico galego. E aquí estamos promocionando un ano máis a feira do bonito”.
Fernández Rey dixo que “hoxe estivemos na inauguración da feira, que correu a cargo do vicepresidente da Xunta. E o vindeiro domingo coa colaboración de Ledicia, como xa fixeramos o ano pasado, faremos unha degustación de bonito aquí na propia feira”.
O concelleiro de Turismo agradeceulle a Ledicia “a súa disposición a participar un ano máis con nós nesta feira. Por aquí pasarán máis de 100.000 visitantes, polo que entendemos que é unha oportunidade única de vender o noso concello neste evento. Agardamos que o domingo a degustación, na que estará presente o alcalde de Burela, Alfredo Llano, teña éxito ao igual que xa o tivo o ano pasado e que Burela saia reforzada de aquí no aspecto turístico”.
