Foz, 31 de xullo de 2018. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castilñeira, explica que a mellora da rúa Álvaro Cunqueiro vai a bo ritmo e critica aos dirixentes do PSOE por intentar dar leccións de seguridade cando unha responsable local dese partido entrou na obra sen estar autorizada e sen os medios de protección axeitados.
O rexedor municipal focense manifestou: “desde o equipo de goberno chámanos moito a atención a queixa do Partido Socialista sobre a falta de seguridade na obra de Álvaro Cunqueiro cando eles mesmos son os primeiros que faltan ao principio máis importante da seguridade, que é non entrar nas obras cando non estás autorizado. Digo isto porque hai fotos e temos testemuñas de que membros da executiva do Partido Socialista estiveron dentro da obra sen estar autorizados e, o que é peor, sen os medios de protección persoal correspondentes para ese fin. Isto entra dentro da demagoxia, da hipocresía e do debate totalmente incoherente que ten o Partido Socialista de Foz requirindo aos demais o que eles non fan”.
Javier Castiñeira asegura que “a obra de Álvaro Cunqueiro vai a moi bo ritmo, que está en boas mans cos técnicos traballando coa empresa nun bo nivel. Dicímoslle ao Partido Socialista que deixe de estar sempre criticando esta obra, que faga como a maior parte dos veciños, que siga presumindo de que o núcleo urbano de Foz está nun cambio importante histórico. Pero, sobre todo, que non mande a membros da súa directiva a vixiar unhas obras que están xa controladas por persoal que está autorizado; e, sobre todo, que cando o faga pida permiso e leve os medios de protección persoal correspondentes para tal fin. Polo tanto leccións de seguridade do Partido Socialista ningunha, posto que son eles os primeiros que incumpren totalmente eses preceptos”.
