Burela, 6 de agosto de 2018. O Concello reparará o antes posible os danos ocasionados no parque do Cantiño. O concelleiro de Obras e Turismo, Ramiro Fernández Rey, atribúe o acontecido “a uns descerebrados que se dedican a romper o mobiliario urbano”.
O edil socialista dixo: “desde o Concello de Burela queremos denunciar uns actos vandálicos que veñen de producirse no parque do Cantiño. Non entendo como poden ter lugar estes feitos contra o mobiliario urbano, que o utilizamos todos e rompelo non vemos que sexa razoable”.
Fernández Rey agarda que non volvan producirse estes feitos: “esperamos que estas cousas non volvan pasar porque evidentemente supoñen un custe económico para o Concello e agora teremos que facer un investimento para reparar todos eses danos con cartos de veciños e veciñas de Burela que se podían investir noutro sitio.
O concelleiro de Obras e Turismo engadiu: “intentaremos reparar eses desperfectos coa máxima urxencia e coa dispoñibilidade económica que teñamos, pero estas cousas eu penso que non benefician a ninguén e os que causaron eses danos no parque do Cantiño non sei se son conscientes de que iso supón gastar cartos de todos os veciños e veciñas de Burela; e non é xusto que teñan que pagar por culpa duns descerebrados que se dedican a romper o mobiliario urbano”.
