Lugo 24-8-18. O Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, informou este venres que o Goberno Provincial garante a apertura das residencias da Deputación “a pesares das trabas do PP de Lugo e da Xunta de Galicia”. Así o avanzou logo das declaracións feitas esta mesma semana polo Delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e pola voceira do PP de Lugo na Deputación, Elena Candia.
Santos Ramos apuntou que “con Elena Candia facendo oposición ao Goberno desde SUPLUSA, con Balseiro facendo oposición á Deputación de Lugo, na Xunta de Galicia, e apoiados e dirixidos ambos os dous por Feijóo dende a Xunta de Galicia; o Goberno da Deputación vai abrir as residencias da terceira idade. O único destacable e constatado é que ata o momento a Xunta de Galicia, representada na provincia por Balseiro, é que apostan por un modelo absolutamente privatizado. De feito, en vez de crear novas residencias públicas e ofertar novas prazas, optan por dar uns poucos cheques a dependentes para acceder a centros de ámbito privado. Este é o seu modelo”, destacou.
“Balseiro se quere facer algo polas residencias da terceira idade o que ten que facer e sentarse con Candia e poñerse de acordo para deixar de impedir que a Deputación poda seguir co seu traballo. O Delegado da Xunta en vez de levar proxectos sociais e investimentos e axudas para impulsar os territorios da provincia, que é o que correspondería facer por ser representante da Xunta de Galicia, o que fai é buscar oportunismo político utilizando o seu cargo para facer oposición na Deputación”, destacou.
Bloqueo constante do PP
O voceiro do Goberno explicou que o que está a acontecer desde hai moitos anos é que o Partido Popular se opón por todos os medios que ten á súa disposición a que as residencias da Deputación podan funcionar. Primeiro fíxoo retrasando os permisos das que se puxeron en marcha e agora faino desde SUPLUSA, coa súa maioría no Consello de Administración, torpedeando todo o relativo a residencias da terceira idade.
“A Xunta de Galicia non puxo nin un miligramo de esforzo para que os veciños de Lugo puidesen ter máis prazas de residencia. É máis, puxo toneladas de esforzo para que a Deputación non puidese por en marcha residencias que vai poñer en marcha, lle guste máis ou menos ao Partido Popular”.