Cervo, 17 de outubro de 2018.- O edil de Obras, Plácido Pérez, e a de Educación, Dolores García Caramés, mantiveron esta mañá un encontro de traballo con membros do corpo directivo do CEIP de Cervo, para perfilar os detalles ante a inminente visita dos 18 escolares e 14 docentes do programa Erasmus+, no que está integrado o centro local.
Na visita, Pérez e Caramés atenderon as demandas que plantexaron; necesidades como a instalación de puntos de luz, tomas de corrente e enchufes que se vai levar a cabo nestes días.
Ademais, acompañados pola secretaria do CEIP de Cervo, Cristina Rodríguez, puideron ver o resultado das obras de mellora da biblioteca que subvencionou a Consellería de Educación, e que supuxeron un investimento de 9.000 euros. Desde o Concello quixeron agradecer á Xunta de Galicia tanto esta inversión, como todas as que veñen realizando periodicamente nos diferentes centros de ensino do municipio “que contribúen a mellorar a calidade dese piar que é a educación”.
A biblioteca trasladouse á planta baixa do edificio, que se reestruturou co derrube de varios tabiques co que se conseguiu un espazo amplo, luminoso, confortable e máis operativo para o alumnado e o corpo docente.
Programa Erasmus+
O CEIP de Cervo será o anfitrión deste programa a vindeira semana, cando recibirá a visita de 18 alumnos e 14 docentes, procedentes de 6 centros de diferentes países europeos –Polonia, Portugal, Grecia, Turquía, Lituania e Romanía-.
A comitiva será recibida na Casa do Concello o luns 22 de outubro e tamén se programaron diferentes excursións e actividades lúdico-culturais “para as que contan con todo o apoio, implicación e colaboración do Concello”.