Viveiro 17-10-18. Dende o día 20 de outubro e ata o 24 de novembro, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal vai a levar a cabo uns obradoiros sobre técnicas de limpeza, desespiñado e cociñado de peixes e mariscos do territorio.
Esta actividade, de carácter gratuito, desenvolveráse en doce concellos do territorio do GALP A Mariña-Ortegal e vai dirixida aos integrantes do tecido asociativo de cada un deles. Os talleres estarán dirixidos polo cociñeiro Miguel Mosteiro, gran coñecedor da gastronomía galega en xeral, e da mariñeira en particular. Está considerado, así mesmo, como un especialista en cociña de territorio.
Os obxectivos desta acción son, ademais de darlle visibilidade ao GALP e ás súas axudas, o de dar a coñecer as posibilidades gastronómicas de produtos do noso mar como a pescada, o polbo, a xarda, o salmonete, o rape, berberechos e ameixas ou mesmo o bonito, por citar algúns. Ademais, daranse a coñecer distintas técnicas de limpeza ou desespiñado das especies. Os produtos do agro do propio territorio terán tamén o seu protagonismo nas guarnicións.
En cada un dos talleres poderán participar un número de 20 alumnos que interactuarán con Mosteiro na manipulación e cociñado das distintas especies. Para poder asistir aos obradoiros, os interesados deberán poñerse en contacto co seu Concello ou solicitando a inscrición no enderezo de correo electrónico: obradoiroscocinamarinaortegal@gmail.com ata esgotar as prazas.
