Cervo, 22 de outubro de 2018.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Educación, Dolores García Caramés, recibiron esta mañá ao alumnado e corpo docente de seis centros escolares de Europa que están de intercambio esta semana no CEIP de Cervo, dentro do programa Erasmus +.
En concreto son 18 escolares e 14 profesores/as procedentes de Lituania, Polonia, Portugal, Grecia, Turquía e Romanía.
O rexedor e a edil desexáronlles que a experiencia sexa gratificante e proveitosa a todos os niveis, tanto para os/as visitantes, como por suposto para o alumnado do Ceip de Cervo, e reiteraron os seus parabéns ao corpo docente deste centro por terse adherido a este programa, “apostando así pola internacionalización da educación; porque estamos convencidos de que este proxecto é moi beneficioso para o desenvolvemento persoal dos rapaces e rapazas, que toman contacto así con diferentes idiomas e culturas, convivindo con nenos e nenas doutros países”
Compartirán esta semana todo tipo de experiencias culturais, tamén de carácter lúdico, e programáronse diferentes actividades e excursións que lles permitirán coñecer non só Cervo, tamén a Comarca e outros puntos de Galicia; contando coa colaboración e a implicación ao cento por centro do Concello de Cervo, en todo o que precisen.