Burela, a 6 de marzo de 2019. Este 8 de Marzo, no marco do Paro Internacional de Mulleres, a CIG ten convocada folga de mulleres para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. A folga laboral afectará a todas as actividades e centros de traballo, tanto das empresas privadas como do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Galiza, dende ás 00:00 horas ás 24:00 horas.
Pero alén da folga laboral, este 8 de Marzo, as mulleres estamos chamadas a secundar tamén folga no ensino, de consumo e nos coidados, para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos e desmontar e denunciar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres, tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.
Manifestación de Galegas 8M en LUGO
De igual xeito, a CIG anima a participar activamente nos actos locais previstos polo movemento feminista galego na tarde do 8 de marzo. Na localidade de BURELA, o colectivo Galegas8M ten convocada unha Manifestación ás 20:00h con saída desde a Estación do FEVE
MOBILIZACIÓNS DA UNIÓN COMARCAL DA CIG DE (COMARCA) O 8 DE MARZO
A CIG anima a participar activamente neste xornada de loita secundando a folga e acudindo ás mobilizacións que a central sindical vai realizar en 24 cidades e vilas de Galiza durante a mañá. No caso concreto da Unión Local de A Mariña, a CIG ten convocadas as seguintes mobilizacións: BURELA: CONCENTRACIÓN ás 12:00h diante do Concello VIVEIRO: CONCENTRACIÓN ás 12:00h diante do Concello RIBADEO: RÚADA ás 12:00h desde a Praza 8 de Marzo
Cómpre impulsar unha gran xornada de loita polos nosos dereitos
A Secretaría das Mulleres da CIG denuncia que un ano despois da histórica xornada do 8 de Marzo de 2018, na que as mulleres desbordaron as rúas do país, non se abriu por parte dos gobernos proceso algún que levase a mudanzas concretas, nin se recolleron as reivindicacións e demandas para que as mulleres teñamos vidas dignas. Ao contrario, asistimos a un rearme do patriarcado nas institucións nas que ostenta o seu poder.
Por iso, cómpre impulsarmos na Galiza un novo día de combate e de loita para que dunha vez por todas “o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos, e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos, cando aínda nos quedan moitos por conquistar”.
Dende a Secretaría das Mulleres sublíñase que a folga “é o instrumento do que dispomos as mulleres da clase traballadora para exercer presión para obtermos unha mellora nas nosas condicións laborais, na reclamación dos nosos dereitos”. Neste senso, cómpre lembrar que a día de hoxe persiste unha fenda salarial do 21,5% e que esta se afonda no caso das pensionistas, alcanzando o 36,6%, 15 puntos máis. Unha situación provocada polas máis baixas bases de cotización das mulleres ao longo da súa vida laboral, mais tamén por mor do menor tempo cotizado. De feito, as mulleres de menos de 25 anos acumulan xa 2 meses menos cotizados que os homes da mesma idade.
Ao poder non lle interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto aos poderes económicos, contra quen nos explota como clase, nos discrimina por sermos mulleres e nos oprime por formar parte da nosa nación. Ao sistema interésalle homoxeneizar o discurso, pretenden ritualizar o 8 de marzo, que quede nunha data festiva, mais carente de discurso crítico contra o capitalismo e contra o patriarcado. É preciso pois, que as traballadoras saquemos á rúa as nosas reivindicacións e fagamos deste 8 de Marzo unha xornada aínda multitudinaria que a do pasado ano.