Viveiro, 9 de maio de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo un encontro con representantes da Confraría de Pescadores de Celeiro, -entre eles o patrón maior da localidade Domingo Seijas-, na que lles informou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén rematar a elaboración do proxecto técnico para a ampliación da estación depuradora da localidade. Os traballos suporán un investimento total de preto de catro millóns de euros (3,9 millóns de euros) e contan cun prazo de execución estimado de 18 meses.
Incorpora as augas residuais procedentes de Celeiro
A ampliación da EDAR permitirá tratar a totalidade dos caudais de augas residuais xerados no municipio, incorporando os procedentes da rede de Celeiro, á vez que se dá solución aos problemas detectados na actual planta pois a capacidade de depuración real era menor da prevista. As novas instalacións soportarán un caudal punta de ata 800 metros cúbicos por hora.
O delegado explicou que o Concello de Viveiro xa ten copia deste proxecto técnico e están á espera de que complete unha serie de documentación requirida para poder continuar coa tramitación. A intención da administración autonómica é iniciar o proceso de licitación da obra tan pronto como o Concello responda a este requirimento e remita a información municipal solicitada.
Melloras técnicas substanciais
O proxecto non se limita a deseñar a ampliación da estación depuradora aproveitando os espazos dispoñibles no seu emprazamento actual, senón que tamén incorpora un novo sistema de pretratamento de auga e terciario (desinfección por cloración), unha terceira balsa, mediante un tanque de formigón armado de 3.890 metros cadrados co correspondente bombeo asociado, e outras melloras técnicas para a purga de fangos no baleirado dos tanques ou para evitar o paso de flotantes.
Tamén están incluídas as correspondentes conexións mediante unha nova impulsión desde Celeiro ata a descarga na estación depuradora e unha futura conexión co tanque de tormentas de Celeiro, así como obras complementarias como as de urbanización da parcela con novas vías con asfalto bituminoso en quente e recollida de augas pluviais, así como zonas axardinadas e a anulación das instalacións de pretratamento que na actualidade están en uso en Celeiro.
As obras darán servizo a unha poboación equivalente de 15.500 habitantes para o horizonte do ano 2042 pero, atendendo á presenza de industrias conserveiras conectadas á rede, así como o incremento do poboación durante o verán, a capacidade real é incluso maior, de 23.764 habitantes equivalentes.
Esta actuación hidráulica da Xunta estará confinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Competencia municipal
Balseiro lembra que tanto a titularidade da estación depuradora como a competencia en materia de abastecemento e saneamento é municipal, con todo, o propio Concello recoñecía que non tiña a capacidade para acometer as melloras necesarias nestas instalacións polo que a Xunta, na aplicación da súa función de colaboración cos concellos, comprometeuse a prestar a colaboración técnica e económica que hoxe se materializa a través deste proxecto.
Finalmente o delegado salienta que a mellora do sistema de tratamento de auga non só permitirá que Viveiro atenda os compromisos da esixente normativa ambiental europea, senón tamén que as augas vertidas cumpran cos máximos estándares de calidade ambiental, co consecuente beneficio para as condicións do sector pesqueiro da zona.