Ribadeo, 2 de abril de 2020. Ata o vindeiro 12 de abril está aberto o prazo de presentación de traballos ao concurso Polos nosos negocios de apoio ao consumo local, convocado por Acisa Ribadeo. Trátase de deseñar un cartel e un slogan que animen á xente a facer as súas compras no comercio da vila e a consumir tamén na súa hostalería.
Nas bases explícase que “o tema no que se debe inspirar o cartel é chamar á poboación para apoiar ás pequenas empresas, hoteis e servizos en Ribadeo, cando remate esta situación ocasionada polo coronavirus. Ten que insistir no positivo de mercar nas pequenas tendas e consumir na hostalería local para revitalizada despois de atravesar por unha mala situación. O slogan debe ir na mesma liña e debe ser claro, conciso e directo. E non de poderán empregar palabras que aludan á actual situación, como alerta, coronavirus, crise sanitaria, etc… deberán utilizarse palabras que inciten á compra, á positividade e á alegría”.
As bases recollen que “calquera técnica ou modalidade é válida para a confección do cartel. O formato debe ser vertical e o traballo final que se presentará debe incluír imaxe e slogan”.
Acisa establece dous premios únicos de 150 euros cada un en vales de compra. Un premio sería para o mellor cartel e o outro para o mellor slogan.
Desde a directiva de Acisa aclaran que “se considerará a posibilidade de que o slogan e a imaxe se escollan por separado entre as diferentes propostas recibidas; pero tamén se podería dar a posibilidade de que a imaxe e o slogan correspondesen a un único traballo. Neste caso o gañador recibiría 300 euros en vales de compra, porque tería presentado o mellor cartel e o mellor slogan”.
O prazo de presentación de traballos rematará o 12 de abril. No concurso pode participar calquera persoa, de calquera idade, xa sexa neno, adolescente, adulto, empresario, empregado… Os carteis e slogans deben ser feitos e gardados por cada participante, “e terán que enviar fotografía dos mesmos por correo electrónico a info@acisaribadeo.es ou ao whatsapp 663 39 62 26. No correo debe figurar o nome e apelidos da persoa participante, o teléfono de contacto, o lugar de residencia, en caso de ser menor de idade debe presentar autorización dos pais ou titores”.
Puntuarase de forma adicional: se a obra se presenta acompañada dun texto que defina para quen se realiza, que significado ten para esa persoa o comercio e a hostalería local e por qué se mercar ou consumir nelas.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, anima “ás veciñas e aos veciños de Ribadeo a sentarse, a meditar e a deseñar o seu cartel de apoio ao comercio e á hostalería locais. Agora que este confinamento nos ten á maioría na casa dediquemos un anaco do noso tempo a pensar de qué xeito poderíamos axudarlles, cómo animaríamos e potenciariamos o consumo local, nos establecementos do noso barrio, nos que temos a carón das nosas casas”.
As bases do concurso Polos nosos negocios poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo.
O traballo de Acisa continúa
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos segue co seu traballo estes días informando das normas que se publican sobre o estado de alarma, así como das axudas e servizos das administracións para facer fronte a esta situación.
Acisa eximiu aos seus socios e socias do pago das cotas do presente mes de abril e animou aos arrendadores a perdoar ou a flexibilizar o aluguer aos locais comerciais e hostaleiros neste tempo de confinamento. Nos últimos días incrementouse o número de arrendadores que foron quen de poñerse na pel dos autónomos ribadenses para botarlles unha man. De aí que desde Acisa “lles deamos as grazas publicamente unha vez máis. E aproveitamos para animar a outros arrendadores a que se sumen e axuden aos seus arrendatarios nun momento tan complicado e duro coma este”.
Desde a directiva de Acisa lembran que “é preciso que todas as administracións poñan máis da súa parte; que axilicen os pagos a provedores, xa que moitos son pequenos autónomos que levan moitos días sen poder traballar e sen ter ingresos; que flexibilicen o cobro dos impostos; que se cren máis liñas de axudas reais, porque as ofrecidas ata o momento consideramos que son insuficientes e pensamos que sería importante que se esixan menos requisitos para que se poidan beneficiar cantas máis pequenas empresas e autónomos mellor; que as entidades bancarias apracen o cobro dos préstamos, reduzan as comisións e flexibilicen mais as liñas de crédito; e que as grandes empresas que subministran luz, auga e teléfono… apracen o pago dos recibos e ofrezan mellores condicións ás pymes e autónomos que están parados desde o primeiro día no que se decretou o estado de alarma”.
Acisa engade que “as administracións teñen que ter presente que este estado de alarma, que é moi necesario para facerlle fronte ao coronavirus, terá consecuencias a longo prazo para todos nós. Os comercios van perder a campaña de primavera, porque aínda non sabemos ata cando durará finalmente o confinamento e cándo se volverá a abrir. Pero esa mercancía que está nas tendas hai que pagala. Estamos nunha época de cerimonias como comuñóns e vodas. Todas esas prendas están en risco nese momento ao igual que os banquetes nos locais hostaleiros, que están a recibir cancelacións e aprazamentos no mellor dos casos. As consecuencias desta crise sanitaria vanse notar durante bastantes meses, de aí que insistamos na necesidade de contar co apoio de todas as administracións. Esta é unha situación excepcional para a que deben establecerse axudas excepcionais e reais”.
Desde a Asociación de Comerciantes de Ribadeo agradecen a colaboración de Banco Sabadell e ABanca: “que poñen a disposición dos nosos socios e socias liñas de crédito e financiamento a través dos convenios que temos asinados con estas dúas entidades e dos que xa os informamos”.





















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



