Burela, a 11 de maio de 2020. O Grupo Municipal Popular de Burela mantivo a coherencia á hora de volver posicionarse en contra da adxudicación do contrato de recollida do lixo e limpeza viaria máis caro da historia de Burela no pleno urxente e extraordinario convocado polo Sr. Llano para este luns ás doce da mañá.
“Todo isto dentro dun contexto particularmente delicado, non só pola grave crise que está a padecer a veciñanza, agravada pola falta de disposición ata o de agora do Sr. Llano na toma de decisións; senón tamén a pesar da estraña urxencia que alega o alcalde para convocar este mesmo punto en dúas ocasións con tan só once días de diferenza”, manifestan os populares.
Nas filas populares aclaran que, “dende abril do 2019, momento a partir do cal puido convocar este pleno, tivo tempo e tempo. Pode alegar a situación particular de estado de funcións, que non parálise, na que estivo o Concello de Burela durante unha parte do ano pasado. Pero, e este ano, que pode alegar para xustificar esta urxencia cando tivo todo xaneiro, febreiro e parte de marzo, antes de que se instaurara o estado de alarma, para levar a pleno este asunto”, preguntan os populares. “Dende o Grupo Municipal Popular estamos convencidos que absolutamente nada”, aseguran.
En todo este tempo non se acordou da situación, como di o concelleiro delegado Fernández Rey, de prestación do servicio en precario. E seguindo con este concelleiro delegado, que no pasado pleno “alucinaba” con que se pida que se continúen con contratos caducados, dende o Grupo Popular preguntaron “se o nivel de alucinación deste concelleiro é maior, menor ou igual no tocante ao contrato do SAF, que leva ano e medio caducado, ou no de limpeza de instalacións municipais, que leva case que medio ano caducado. En ámbolos dous casos non se está a tramitar o expediente para unha nova contratación”, afirman dende o PP.
Un pleno convocado sen tódalas garantías
Esta decisión tan delicada que se pretende tomar en pouco máis de dez días por segunda vez, non conta con tódalas garantías para que os concelleiros emitan o seu voto de forma non arbitraria; xa que ningún dos membros da corporación é un esperto xurista e dende o Grupo Municipal Popular había moitas cuestións que lle querían trasladar tanto á secretaría como á intervención para que emitiran resposta ao respecto antes de volver a tomar tan importante decisión”.
“Isto non se puido dar porque Llano convocou o pleno o venres 8 a mediodía sen a preceptiva comisión informativa”, indican. A maiores dende o PP denuncian que non se aportou documentación fundamental para este pleno “como pode ser a acta do pleno anterior ou a resposta a diversas cuestións rexistradas por escrito hai mes e medio e que tiñan que ver directamente con esta adxudicación”.
Novo bandazo nos criterios do BNG
A pesares de todo, dende os populares entenden que “a estas alturas os despropósitos de Llano xa non son responsabilidade del; senón de quen lle consinte os mesmos, ben co seu voto a favor ou coa súa abstención”.
“Esta non é máis que a continuación da decisión tomada no pleno de investidura por parte da formación do bloque”. E continúan: “polo tanto, a responsabilidade do Sr. Llano é compartida con aqueles que finxen ser unha alternativa de goberno cando en realidade son a outra cara da mesma moeda socialista”.
Os populares bureleses manteñen que “esta actitude irresponsable do BNG, bailando ao son que toca o PSOE, o único que fai é poñer contra as cordas á veciñanza de Burela”.
“Hoxe presentóuselle en bandexa, vía emenda do Grupo Municipal do PP, a posibilidade de iniciar a municipalización do servizo de recollida do lixo como mal menor. Neste caso, o custe anual do mesmo atendendo aos datos presentados para este concurso non excedería de 690.000 euros/ano. Pero a sorprendente marcha atrás do BNG nesta cuestión emula moito ás promesas incumpridas do Sr. Llano”, consideran.
“Os membros do grupo do BNG por fin asumiron que, como di a cultura popular, non é o mesmo predicar que dar trigo”, conclúen dende o PP burelés.



















Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



