
Foto de arquivo
Lugo, 27 de outubro, 2020. A Deputación de Lugo promove diversas iniciativas para aproveitar a riqueza medioambiental da provincia como oportunidade de creación de riqueza e emprego, e contribuír deste xeito a fixar poboación no rural. Un dos proxectos con este obxectivo é o plan Life In Commond Land, que promove a conservación dos hábitats e o aproveitamento sostible da riqueza ambiental do territorio da Serra do Xistral.
Integradas na Rede Natura 2000 e Reserva da Biosfera, as grandes masas do Xistral están en risco de desaparición en Europa. Están compostas por turbeiras altas activas, turbeiras cobertor e queirogais húmidos atlánticos que son de gran valor ecolóxico para a biodiversidade do Noroeste peninsular. Conservar estas especies reporta enormes beneficios á sociedade pola súa gran capacidade de almacenamento de CO2 que contribúe a loitar contra o cambio climático.
É por isto que é unha responsabilidade social e medioambiental manter este espazo natural no mellor estado posible.
Co proxecto Life In Common Land búscase ofrecer solucións ás limitacións do aproveitamento do territorio impostas pola lexislación ambiental co fin de garantir a vida no rural e dotala de novas oportunidades.
Trátase dun proxecto pioneiro, que conta coa participación activa dos propietarios das Comunidades de Montes Veciñais en man común do Xistral, os cales recibirán “recompensas ambientais”, é dicir, pagos económicos compensatorios en función do estado de conservación en que manteñan estes importantes hábitats naturais dacordo a un modelo de xestión específico para a zona.
A área de actuación é de de 5.000 hectáreas, que abrangue os concellos de Abadín, Muras, O Valadouro e Ourol, e tamén parte dos concellos de Viveiro e Xove.
O programa Life in Commond Land conta cun orzamento de 2 millóns de euros, dos que a Unión Europea achega 1,4 millóns; a Deputación, 212.000 euros; a USC, 198.000 euros; e a UDC, 100.000.
Accións de avaliación do estado de conservación dos hábitats naturais
Life in Common Land combina o coñecemento científico co saber tradicional dos comuneiros para lograr unha xestión dos hábitats que redunde no bo estado de conservación dos mesmos.
En primeiro lugar, realizáronse accións preparatorias para avaliar o estado no que atopaban os hábitats: cartografías, mapas e seguimento con colares GPS de cabalos salvaxes para coñecer a súa influencia na flora do Xistral. Tamén se analizaron os modelos de xestión gandeira cos propietarios dos montes mancomunados que participan activamente nos montes.
Demostrouse que a xestión sostible das actividades tradicionais agrogandeiras de pastoreo extensivo con gando vacún e cabalar salvaxe que se desenvolve no Xistral ten un efecto positivo para conservar as grandes masas de brezais e turbeiras da zona. Esta relación mutua constitúe un modelo único de aproveitamento sostible dos recursos naturais.
Accións para manter en bo estado os hábitats de gran valor ecolóxico
As actividades tradicionais agrogandeiras realizadas polas Comunidades de Montes Veciñais xeración tras xeración nesta zona son imprescindibles para conservar estes hábitats. O manexo gandeiro, do gando vacún e dos cabalos salvaxes, modelan a paisaxe e manteñen en bo estado a natureza deste lugar.
É por iso que o proxecto Life In Common Land non sería posible sen a participación activa destas agrupacións de veciños, que están a xogar un papel fundamental planificando as actuacións que levarán a cabo neste territorio durante os vindeiros anos.
En primeiro lugar, proporciónase aos comuneiros un dossier sobre o Bo Estado de Conservación dos hábitats da Serra do Xistral, que é un documento de referencia con indicadores para que saiban como restaurar hábitats degradados e mantelos ben.
En paralelo ademais, co asesoramento técnico do LIFE In common Land, 7 comunidades de montes xa aprobaron os seus proxectos de ordenación forestal que integran un modelo de xestión en sintonía coa produción sostible e baseado en resultados de conservación.
O programa Life contempla como medida principal que os propietarios e produtores dos montes comunais xestionados en man común sexan os encargados no Xistral de aplicar medidas para o aproveitamento sostible deste territorio e acadar a máxima rendibilidade agrogandeira e forestal.
Con esta acción cúmprese co obxectivo de manter o sector primario dos comuneiros e lograr que estes ecosistemas se manteñan no mellor estado de conservación.
Como contrapartida recibirán recompensas económicas polos seus resultados de conservación dos hábitats naturais. Isto converte á Deputación na primeira administración de España que premie economicamente o desenvolvemento sostible, é dicir, as boas prácticas ambientais para conservar estes espazos protexidos.
Trátase dun modelo pioneiro en España, que xa se aplica noutros países europeos, como por exemplo Francia, para combater o despoboamento demográfico e conservar o medio ambiente.
Accións de fomento da produción sostible de bens e servizos
A Rede Natura 2000 é unha oportunidade para manter e revitalizar as actividades tradicionais e as comunidades de montes tamén supoñen unha oportunidade para o desenvolvemento dunha economía social, colaborativa e sostible.

Ademais de prover á sociedade de alimentos de calidade coidan os espazos naturais contribuíndo á mellora do aire, da auga e do medio ambiente en xeral.
Unha produción de bens e servizos sostible e respectuosa cos ecosistemas aporta un valor engadido aos produtos agrogandeiros da zona. Tamén contribúe a mellorar a súa comercialización xa que cada vez son máis os consumidores que elixen produtos con distintivos ou selos de calidade.
Co fin de dotar de novas oportunidades económicas ao rural e apoiar o sector primario realzáronse dúas xornadas informativas nas que se analizaron os múltiples aproveitamentos e a comercialización que pode ter a Serra de Xistral, como son a produción de mel, produtos cárnicos de vaca e poldro, caprinos e ovinos, entre outros, así como as enormes posibilidades de actividades de turismo de natureza.
Tamén se está estudando as posibilidades de creación dunha etiqueta de calidade para os produtos agroalimentarios procedentes de sistemas de produción que contribúen á conservación do medio natural e a dinamización económica local.
Accións de sensibilización medioambiental
Entre as accións para concienciar sobre a importancia de protexer estes hábitats, ademais de dar charlas de sensibilización a rapaces e rapazas dos centros educativos do entorno, este ano instaláronse no Xistral 11 grandes paneis con información e editouse un xogo de cartas didáctico para mostrar a biodiversidade do Xistral.






















A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.



