Burela, 9 de outubro, 2020. Esta fin de semana celébrase a primeira etapa do “Camiño Gastronómico do Mar”, unha serie de xornadas gastronómicas que percorrerán a costa norte de Galicia ofrecendo receitas de catro das especies pesqueiras máis representativos da lonxa de Burela: pescada do pincho, peixe espada, xurel (chicharro) e peixe sapo.
Esta é unha campaña da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo en colaboración coa “Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela” e Armadores de Burela; que se pon en marcha cun triple obxectivo: fomentar o consumo de peixe, apoiar ao sector hostaleiro do norte de Galicia e promocionar o “Camino del Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camino Inglés a Compostela.
A primeira etapa ten lugar no Concello de Ribadeo, onde entre o venres e o domingo o Parador de Ribadeo e o Hotel O Cabazo ofrecen pratos especiais con sabor a “Peixe de Burela”.
O Parador de Ribadeo ofrece as súas receitas de: “Peixe espada sobre cremoso de pataca galega trufado con cogumelos confitados e sal de xamón” e “Peixe sapor do Atlántico sobre hummus con grelos globo branco”.
Pola súa parte, o Hotel Restaurante O Cabazo propón un menú degustación no que se inclúen, entre outros pratos, “Empanada de xurel con mestura de millo e trigo” y “Lombos de pescada do pincho de Burela rechea de marisco, gratinada con queixo de San Simón e crocante de xamón”.
A campaña celebrarase durante oito fins de semana ata o próximo 6 de decembro e consiste na degustación de catro das especies máis representativos das frotas pesqueiras de OPP Lugo, que terán lugar en dous restaurantes de cada un dos quince concellos polos que circula o “Camiño do Mar”, desde Ribadeo ata Neda: nuns ofrecen pratos de pescada do pincho e xurel; e noutros receitas de peixe espada e peixe sapo.
Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción de OPP Lugo incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.
