Lugo, 23 de novembro de 2020. A Deputación de Lugo renova o seu compromiso coa campaña En Negro contra as Violencias con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, adianta que a institución “continúa un ano máis amosando o seu firme compromiso coa campaña En Negro contra as Violencias porque temos unha vontade firme contra a violencia e os asasinatos machistas”. Loureiro explica que este ano as condicións sanitarias limitan a presenza na rúa dos actos, pero afirma que a institución provincial adaptou o seu programa ás circunstancias actuais sen renunciar á súa máis enérxica denuncia a esta lacra social que, no que vai de ano, asasinou a 41 mulleres en España, 1.074 dende o 2003 -o primeiro ano do que constan estatísticas- polas súas parellas ou ex-parellas.
“Agora máis ca nunca temos que seguir nesta loita porque o Estado de Alarma no que nos atopamos e que vivimos nos últimos meses sitúa nunha situación moi delicada a moitas mulleres que teñen que convivir co seu agresor. Temos que pensar que se un confinamento é duro para calquera persoa, para moitas mulleres convértese nun verdadeiro inferno ter que soportar violencias e agresións día tras día, sen vía de escape algunha. Por iso, as institucións públicas e o conxunto da sociedade temos que manternos firmes e inamovibles no rexeitamento de calquera mostra de violencia ou agresión”, insiste María Loureiro.
Precisamente, a Deputada de Muller e Igualdade participou este luns en dous encontros virtuais que tiñan como obxectivo a reflexión e o lanzamento de iniciativas para erradicar a violencia machista. Por un lado, asistiu telematicamente a unha xornada denominada Plans de acción local sobre violencia de xénero organizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). E polo outro, Loureiro asistiu á xornada formativa Stop violencia contra as mulleres impulsada pola Subdelegación do Goberno en Lugo con motivo do 25N.
María Loureiro explica que este ano se seguiron sumando novos concellos da provincia á iniciativa En Negro contra as Violencias. “Un total de 47 dos 67 concellos lucenses están involucrados no proxecto, o que representa máis do 70 % da poboación de Lugo, un feito que nos evidencia unha vez máis que só xuntos imos conseguir o noso obxectivo”. A Deputación de Lugo reparte esta semana material da campaña a estes concellos, entregando un total de 4.750 bolsas de tea e 6.650 mascarillas. Tamén se distribuíron tres pancartas aos municipios de Begonte, Chantada e Quiroga, que se sumaron este ano por primeira vez a esta iniciativa.
A institución provincial vaille facer chegar este material aos catro centros de maiores provinciais -A Fonsagrada, Trabada, Pol e Ribadeo- e á comunidade educativa do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación, co fin de involucrar a todas as persoas que conforman a provincia nesta causa.
A Deputación mantén despregada esta semana unha gran pancarta na fachada do Pazo de San Marcos na que con un “NON É NON” simboliza a denuncia e enérxica repulsa da institución ás violencias machistas.
Declaración institucional
O Pleno de mañá aprobará unha declaración institucional na que a Corporación amosa o seu firme compromiso na loita contra os asasinatos e agresións machistas e a súa vontade de traballar para mudar os elementos estruturais que as xeran e as perpetúan na sociedade.
Os tres grupos con representación na Deputación de Lugo apoiarán este documento, que manifesta o seu compromiso co impulso de políticas orientadas á erradicación da violencia contra as mulleres, tanto dentro coma fóra do ámbito da parella, e co fomento dunha cultura da igualdade e de respecto á diversidade dende as idades temperás. A declaración repara na realidade social da provincia, cun marcado carácter rural e cun alto grao de envellecemento, dúas características que agravan e dificultan o proceso para frear e deter esta problemática.
Representación no Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais
Este ano, o alumnado de 1º curso de Produción do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación realizará o 25N no recinto do centro de ensino unha representación arredor dunha fogueira, onde se inclúe música e voz en directo con letras compostas por eles para a ocasión.
En ocasións anteriores o centro impulsaba a acción O Camiño contra as Violencias, pero ante a actual situación sanitaria decidiron artellar unha alternativa que mantivera a súa esencia garantindo a seguridade. Esta iniciativa é unha práctica nun escenario real para o alumnado, onde os propios estudantes son os que se involucran no complexo traballo de planificación e preprodución coa organización de diversas actuacións e actividades, así como a elaboración de todo o material.
Ademais, xunto co resto de alumnado que conforma o Centro de Formación lanzarán ao longo da semana vídeos curtos nas redes sociais dos Servizos de Audiovisuais provinciais onde recrean diferentes escenas de violencia machista co obxectivo de visibilizar, concienciar e loitar contra esta lacra social. “Queremos achegar aos mozos e mozas aquelas situacións de violencia que están moi preto de nós, máis do que nos parece, e facelos conscientes de que toda a cidadanía somos partes da solución e non só testemuñas”.
A Deputación de Lugo considera vital que se traballe nos centros de ensino con este tema porque “a educación é a base para poder erradicar este problema dende a raíz, o labor do profesorado é un apoio primordial xa que cómpre atallar dende idades temperás. Eles e elas son a sociedade do futuro”, subliña a Deputada.
Centros de maiores
Pola súa banda, os usuarios e usuarias das catro residencias de maiores da Deputación gravarán vídeos recitando estrofas da obra Poema á muller galega, de Manuel María. Con todo ese material, o Servizo de Audiovisuais da institución provincial elaborará unha peza para que os residentes dos centros de maiores de Trabada, A Fonsagrada, Pol e Ribadeo a teñan para o seu recordo.



















A interrupción do servizo está prevista entre as 8.00 e as 19.00 horas con motivo dos traballos de conexión á nova obra de saneamento que se está a executar na contorna. Trátase dunha intervención necesaria para avanzar na mellora das infraestruturas e dos servizos básicos na zona.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



