Burela, 4 de xaneiro, 2020. Vista Alegre recibiu o ano con repartición de puntos para os pupilos de Juanma Marrube na visita de Peñíscola Globeenergy (3-3) nesta penúltima xornada da primeira volta.
A posesión de balón fixo mellores aos galegos, que conseguiron adiantarse en estratexia, no 7, sorprendendo Quintela a Molina desde banda de David Pazos. Atopou demasiada fortuna o Peñíscola, nos primeiros segundos sobre a pista de Rahali, no minuto 9, culminando un recorte de Paniagua, para poñer táboas. Con todo, os burelistas non se fixeron esperar e tiraron de novo de estratexia para recuperar a vantaxe, con 20 segundos para o ecuador da primeira parte, nunha triangulación entre Renato, Javi Rodríguez e o toque de Iago Míguez. Con oito minutos para o descanso e acumulación de faltas, Manolín apostou por xogo de cinco con Paniagua para cortar o ritmo dos do Mariskal. Entón, os galegos enfundaron a Álex Diz, que tamén saíu na recta final para contrarrestar a opción castellonenca. O Pescados Rubén atopou o terceiro, aínda que non foi concedido, sobre a bucina, cun tacón brillante de Quintela a pase de Pazos.
Edu estivo perfecto para frear a tentativa de Paniagua no regreso, fronte a un Peñíscola que gañou en perigo e profundidade nuns minutos nos que Burela renunciou certamente ao plan de partido. Diz salvou no 26 o que podería converterse no empate, con Wálex plantándose a porta baleira. E de novo a estratexia deu os seus froitos, pero nesta ocasión con recompensa para os visitantes dando a volta ao marcador, en tan só dous minutos, con Bruno Gomes, primeiro de rexeite ante saque de esquina e máis tarde aproveitando un saque de banda. Buscou Pescados Rubén o xogo directo. Tentou sorprender Renato de lonxe e aos poucos recuperou crecemento. Así chegou o empate cun gran cano do paciente Álex Diz fronte a Molina, nun cruzamento con Matamoros. Precisamente foi a maxia do 10 laranxa a que a punto estivo de dar o cuarto aos galegos con control e volea. Volveron rozar a vantaxe Pitero e Quintela ao segundo pau. Estaban a merecelo os locais e de novo apareceron dúas de ouro tanto o de Arzúa coma da Xoia Laranxa, aínda que perdoaron demasiado. Apostou outra vez Peñíscola con porteiro xogador, con cinco faltas para as dúas filas, fronte a un Burela moi sólido que soubo manter a recado o empate e mesmo dispuxo de moito perigo con Lucho e Quintela.
Final de Copa Galicia, sábado en Narón
O equipo de Juanma Marrube volverá á pista xa o sábado, coa final da XXIX Copa Galicia, fronte ao Noia Portus Apostoli (A Gándara, 17.00 horas, en directo TVG2). O Concello de Narón acolleu esta mañá a presentación da cita que organiza a Real Federación Galega de Fútbol, en colaboración co municipio e os clubs Cidade de Narón e Narón O Freixo.
Os afeccionados interesados en acudir á cita poderán activar prerreserva de entrada enviando un correo electrónico a futsal@cidadedenaron.eu (indicando nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto) e confirmala o venres 8. Os que confirmaran a súa entrada, e sempre que a situación sanitaria permita o acceso de público, terana dispoñible o sábado na taquilla, onde deberán de abonar 10 euros no caso de adultos e 5 no caso de menores de 14 anos.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Renato, Giasson, cinco inicial; tamén xogaron David Pazos, Álex Diz, Lucho, Quintela, Javi Rodríguez, Pitero
Peñíscola Globenergy: Molina, Tuli, Lucho, Bruno, Igor, cinco inicial; tamén xogaron Paniagua, Agustín, Rubén Orzáez, David Señoret, Iván Rumbo, Rahali, Walex
Goles: 1-0, minuto 7, Quintela ; 1-1, minuto 9, Rahali; 2-1, minuto 10, Iago Míguez; 2-2, minuto 27, Bruno Gomes, 2-3, minuto 29, Bruno Gomes; 3-3, minuto 32, Álex Diz
Árbitros: González Moreta // Sánchez Chamorro (Colexio Castelano-Aragonés). Por Burela amarela para Lucho, Javi Rodríguez, Quintela, Matamoros. Por Peñíscola amarela para Igor, Walex, Iván Rumbo, Molina, Rahali
Incidencias: Partido correspondente á xornada 16 de Primeira División Masculina disputado en Vista Alegre, con ao redor de 200 espectadores.