Lugo, 23 de febreiro de 2021. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario celebrado este martes unha Declaración Institucional a favor da loita pola igualdade, plena e efectiva, e dos valores do feminismo, factores esenciais para acadar unha sociedade xusta e para a mellora da democracia. Os grupos políticos con representación no organismo provincial -PSdeG, BNG e PPdeG- votaron a favor dun texto realizado conxuntamente con motivo do Día Internacional da Muller, que terá lugar o 8 de marzo.
Na declaración, a Deputación fai fincapé en que a crise sanitaria e a conseguinte crise social e económica provocada pola pandemia da Covid-19 afecta dun xeito máis grave ás mulleres e ás nenas, e que para cambiar esta realidade é imprescindible afrontar unha transformación social e estrutural dende a perspectiva de xénero, dende os valores do feminismo, dende a evidencia de que a crise da Covid está afectando máis ás mulleres e dende o convencemento de que o retorno á normalidade non é suficiente para as mulleres, porque a normalidade de antes de que chegase a pandemia seguía a estar baseada na desigualdade.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
A Deputación de Lugo súmase ás reivindicacións do Día Internacional da Muller e reafirma o seu compromiso coa loita pola igualdade, plena e efectiva, e cos valores do feminismo, factores esenciais para acadar unha sociedade xusta e para a mellora da democracia.
Nacións Unidas elixiu neste 2021 como lema para o 8M Por un futuro igualitario no mundo da Covid, pois a realidade é que a crise sanitaria e a conseguinte crise social e económica provocada pola pandemia da Covid-19 afecta dun xeito máis grave ás mulleres e ás nenas. Como expresa este organismo internacional, a crise puxo de manifesto, tanto a importancia fundamental das contribucións das mulleres, como as cargas desproporcionadas que soportan.
Na pandemia, as mulleres están na primeira liña desempeñando un papel extraordinario, como traballadoras no ámbito sociosanitario, na ciencia, na investigación, dende os servizos esenciais, pero tamén asumindo a responsabilidade dos coidados no ámbito privado. Ao mesmo tempo, a raíz da pandemia xurdiron novos obstáculos, que se suman aos de carácter social e estrutural que persistían antes e que frean a participación, o progreso e o liderado das mulleres. Porque a pesar de que as mulleres constitúen a maioría do persoal de primeira liña, aínda están infrarrepresentadas nos espazos de poder e de toma de decisións.
A pandemia xerou importantes necesidades de coidados no ámbito privado, necesidades que foron cubertas, de novo, polas mulleres. Persoas dependentes ou maiores que non podían ser atendidos polos servizos públicos ou que precisaban coidado no fogar foron atendidos sobre todo por mulleres, que en moitos casos se viron obrigadas a abandonar o mercado de traballo para dedicarse a estes coidados. A a educación on line levou consigo tamén un maior esforzo de conciliación para as mulleres.
No eido económico, a crise cébase nas traballadoras. Son máis as que perderon o seu emprego, as autónomas que viron malogradas as súas empresas, as que sufriron un ERTE e as que viron frustradas as súas carreiras profesionais. E por suposto, como lembramos o pasado 25N, as restricións de mobilidade implicaron unha ameaza engadida para as mulleres vítimas das violencias machistas, que, á incerteza da pandemia, sumaron a tortura de verse pechadas co seu maltratador.
Todas estas circunstancias teñen un impacto especial no medio rural, o maioritario na nosa provincia, no que as mulleres teñen máis dificultades para desenvolver un proxecto vital e profesional autónomo e no que o acceso ós servizos sociais que facilitan a conciliación é máis difícil.
Para cambiar esta realidade, agravada pola pandemia, é imprescindible afrontar unha transformación social e estrutural dende a perspectiva de xénero, dende os valores do feminismo, dende a evidencia de que a crise da Covid está afectando máis ás mulleres e dende o convencemento de que o retorno á normalidade non é suficiente para as mulleres, porque a normalidade de antes de que chegase a pandemia seguía a estar baseada na desigualdade.
Nesta tarefa, coma sempre, temos un papel compartido a sociedade, as mulleres, os homes, as familias, o tecido económico e as administracións públicas, que, cada unha, dende o noso ámbito de actuación e coas ferramentas das que dispoñemos, debemos loitar con pasos firmes para avanzar cara a igualdade plena e efectiva das mulleres.
Os cambios pasan pola educación en igualdade, por romper os roles de xénero, polo empoderamento das mulleres, pola igualdade de oportunidades, e por eliminar as brechas aínda pendentes, como a laboral e a salarial, a brecha dixital ou a brecha da corresponsabilidade.
Temos que recuperar a nosa economía, para que incorpore, recoñeza e promova en igualdade o traballo, o talento e a innovación que aportan as mulleres. Temos que acadar a igualdade salarial entre homes e mulleres, impulsar o ascenso das mulleres a postos de responsabilidade e impulsar unha educación que fomente a presencia das mulleres naquelas áreas do coñecemento no que aínda están infrarrepresentadas.
Temos que defender que os fondos europeos para a reconstrución se empreguen dende unha perspectiva de xénero. Que recoñezan o esforzo das mulleres ante a crise e que abran un novo abano de oportunidades ás iniciativas das mulleres, especialmente a aquelas que sofren de maior precariedade, as que máis precisan das políticas públicas.
E temos que reforzar en paralelo os nosos servizos públicos universais, gratuítos e de calidade, porque os teitos de cristal desaparecen lexislando, pero tamén incrementando os fondos da dependencia, ampliando os servizos de apoio ás familias e incrementando as prazas de residencias de maiores.
Neste ano 2021 celebramos o 90 aniversario da conquista do voto feminino no noso país. Un logro de Clara Campoamor no que soan os ecos de galegas ilustres como Pardo Bazán ou Concepción Arenal. Hai 90 anos que a nosa democracia acadou o seu sentido pleno, e sobre esa herdanza forxada con valentía e firmeza temos que seguir construíndo o futuro de igualdade e de liberdade de todas as lucenses, de todas as galegas, de todas as mulleres, atendendo as demandas dos movementos feministas e sindicais.


















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.



