Ribadeo, 28 de agosto de 2021. O Concello coa colaboración de Acisa pon en marcha unha nova iniciativa, denominada Ribadeo 4×4. Aquelas persoas que fagan catro actividades de turismo activo no municipio durante catro días consecutivos deste mes de setembro optarán a premios.
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, explicou que “Ribadeo 4×4 é un evento organizado polo Concello de Ribadeo en colaboración con Acisa no marco da iniciativa SetembroXNatural. Esta iniciativa procura persoas aventureiras con gañas de gozar dos atractivos da nosa contorna natural. Aos participantes propoñémoslles un gran reto: realizar 4 actividades da oferta de turismo activo de Ribadeo integrada nesta iniciativa en 4 días consecutivos -fin de semana incluído- no mes de setembro. Para isto os participantes contarán cunha tarxeta persoal que terán que ir selando na medida que realicen actividades. Os participantes que consigan realizar o gran reto, que consiste en obter 4 selos de actividades diferentes en 4 días consecutivos, conseguirán activar automaticamente a súa tarxeta converténdoa nunha tarxeta moedeiro. Esta será individual e intransferible por valor de 20 euros para gastar en establecementos da hostalería ribadense asociados a Acisa. As recompensas deberán disfrutarse no propio mes de setembro. Os participantes deberán estar atentos xa que nesta edición do Ribadeo 4×4 dispoñemos dun límite de 50 tarxetas moedeiro”.
Pablo Vizoso engadiu que “aqueles participantes que consigan realizar este gran reto, pero non poidan activar a súa tarxeta moedeiro polos motivos que sexa entrarán a formar parte do sorteo dunha estancia en Ribadeo con aloxamento, almorzo e unha comida para dúas persoas (fora da época estival) valorada en 200 euros e en establecementos integrados en Acisa Ribadeo. Haberá tamén un gran premio para aqueles súper aventureiros que cheguen a realizar 6 actividades en 4 días, que constará tamén dunha estancia en Ribadeo con aloxamento, almorzo e unha comida para dúas persoas (tamén fora da época estival) valorada en 200 euros e en establecementos integrados en Acisa máis un set de produtos galegos”.
Por parte de Acisa o seu xerente, Jesús Pérez, subliñou que “o que perseguimos nesta colaboración co Concello de Ribadeo, da cal estamos moi satisfeitos, é a desestacionalización do turismo. Pretendemos ampliar a oferta turística a través do ocio de aventura e de natureza con esta actividade durante o mes de setembro. O que queremos tamén é darlles relevancia aos nosos asociados, que son os establecementos nos que se van poder desfrutar as tarxetas moedeiro e os premios que establecen as bases”.
Acisa anima “a veciños, visitantes da nosa contorna e turistas a participar nesta nova iniciativa que poñemos en marcha porque é unha forma diferente de desfrutar de Ribadeo e da súa hostalería, a través dos premios, e tamén de aproveitar o tempo, despois de facer estas actividades, para mercar no comercio local e gozar da nosa gastronomía e da nosa hostalaría”.
Jesús Pérez rematou agradecendo ao Concello de Ribadeo “que nos permitira colaborar nesta iniciativa, que cremos que vai ser moi positiva”.
Ribadeo 4×4 foi presentado polo concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, polo presidente de Acisa, Francisco Iriarte, polo xerente da asociación, Jesús Pérez, e pola técnica de Turismo, Begoña García.




















O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.



