Lugo, 3 de setembro.- A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, participou esta mañá na presentación do Cumio Interautonómico dos Camiños do Norte “Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño”, que se celebrarán en Mondoñedo, Lugo e Santiago de Compostela do 24 ao 26 de setembro.
O proxecto, impulsado pola Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo como parte da Agrupación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago do Norte, preséntase como un conxunto de mesas de traballo e reflexión onde se conxugan as experiencias e perspectivas do tecido asociativo e das administracións autonómicas e locais, nun diálogo aberto para situar o Camiño como un revulsivo económico, social e cultural que conte coa colaboración e cooperación imprescindible de todas as partes implicadas.
Coa implicación de 27 asociacións de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, no encontro analizaranse temáticas moi diversas que van desde a acollida dos peregrinos e a hospitalidade a propostas sobre o trazado dos itinerarios xacobeos do norte, pasando pola historia e a memoria destas rutas.
O Auditorio municipal Pascual Veiga de Mondoñedo estreará o 24 de setembro o congreso cunha asemblea aberta que precederá unha serie de coloquios con representantes dos Gobernos de Navarra, Cantabria e Galicia, así como con historiadores, xornalistas e representantes de asociacións vinculadas ao Camiño.
A xornada que se realizará en Lugo o 25 de setembro no Auditorio da Delegación Provincial da Xunta de Galicia abordará a protección da saúde dos camiñantes, a análise do proxecto “Ultreya” dos efectos físicos e mentais das peregrinacións ou a doutrina mindfullness. Ademais, tratarase a investigación, promoción e divulgación dos Camiños de Santiago do Norte.
Santiago de Compostela acollerá a derradeira sesión o 26 de setembro, completando este Cumio coa participación dun total de cincuenta relatores, entre dirixentes das asociacións, expertos/as e estudosos/as da temática xacobea e representantes institucionais das catro comunidades do norte e do Xacobeo 2021-2022. Á marxe das sesións de traballo, as persoas participantes participarán en diferentes actividades e visitas culturais, e serán recibidos na Deputación Provincial de Lugo.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo quixo agradecer “a posta en marcha deste proxecto ambicioso que facilita o contacto entre asociacións e administracións para potenciar os camiños do Norte, un obxectivo común que precisa do traballo conxunto de todas e todos e que permitirá reflexionar conxuntamente sobre o futuro que queremos para o Camiño de Santiago”.
Nese senso, sinalou que “as rutas xacobeas irmandan a nosa cultura identitaria cun motor económico indispensable para Galiza, que cobra aínda máis importancia na situación actual tras a pandemia como un punto estratéxico de recuperación económica e normalización sociocultural”.
No acto tamén interviron Luis Fernández Ansedes, presidente da Asociación Abrindo Camiño, e Laureano García, presidente da Agrupación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago do Norte de Cantabria, Asturias e Galicia, que debullaron a temática dos relatorios e mesas redondas que se desenvolverán ao longo das tres xornadas, e puxeron en valor a contribución das asociacións ao desenvolvemento cultural e social do espíritu xacobeo.
Camiños de Santiago do Norte
As Asociacións de Amigos e Amigas dos Camiños de Santiago do Norte organizan este Cumio Interautonómico co obxectivo de profundar na realidade, no momento actual e perspectivas de futuro deste vía de peregrinación e Itinerario Cultural Europeo.
O Camiño de Santiago está vivo e en constante transformación, mais existen moitos aspectos que precisan ser revisados, mellorados ou planificados. Neste sendeiro de responsabilidade compartida para unha xestión integral e transversal preséntase indispensable a unidade de acción para un futuro sostible e respectuoso co medio.
Os Camiños do Norte, o da costa e o interior ou Primitivo, foron declarados Patrimonio Mundial pola UNESCO en 2015.






















Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
O Deputado de Promoción Económica e Social, xunto ao Alcalde meirego e o músico berciano, presentaron no Pazo de San Marcos este concerto especial que acollerá a igrexa Monasterial de Santa María, o vindeiro 6 de agosto, ás 21:00 horas.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.
Será o sábado 9 de maio ás 20 horas na Casa da Cultura. Homenaxeado: Xesús do Breogán, pola súa contribución á cultura e ao concello. Organiza: Son’s Varadero Foz. Colabora: Concello de Foz
O acto será este venres, 8 de maio, ás 20.30h na biblioteca El Viejo Pancho, conducido por Xermán Viluba.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.
Foi promovida polo ximnasio ABFitness en colaboración co Concello de Ribadeo para promover a vida activa e o deporte neste municipio. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “agardamos seguir a colaboración e que cheguen a este concello máis actividades e propostas para impulsar a vida activa e o estilo de vida saudable”.



