Burela, 16 de novembro de 2021. A CIG chama a toda a comarca da Mariña a secundar de xeito masivo a folga xeral convocada para mañá, mércores 17 de novembro, e a participar na manifestación que sairá ás 12 horas do Hospital de Burela, para dar unha resposta contundente ás tentativas da Xunta de Galiza e do Goberno español de boicotear e facer fracasar a folga.
Unha vez máis, e malia as sentenzas que acumula na súa contra, a Xunta de Galiza decretou uns servizos mínimos totalmente abusivos que en sectores como o ensino público, a saúde ou o transporte escolar impiden o exercicio fundamental do dereito á folga. Ademais, a administración agardou até o último momento para enviar o decreto (remitido ao comité de folga o pasado venres) e non convocou até onte, luns, a reunión para negociar os servizos mínimos, malia que foi telemática.
No ensino público obrígase a que haxa un ou unha docente por aula, mentres que se impoñen un servizos do 100% para o persoal de cociña e de limpeza. Curiosamente, no ensino privado só se establece que se deberá garantir unha persoa para o servizo de cociña/comedor e outra para a limpeza.
Ademais, tamén se impoñen uns mínimos do 100% para o transporte integrado de máis de 4km así como para o transporte de traballadores/as nos servizos realizados antes das 9h e despois das 16h. Nas escolas infantís e nos centros de día ordénase unha actividade como nun día normal e na residencia de maiores de Burela os mínimos superan ao persoal que atende o centro en fins de semana ou festivos.
Diante disto, a CIG chama as familias a desmontar ese boicot da Xunta non enviando as fillas e fillos ás escolas e institutos da comarca e conseguindo a paralización total da actividade laboral que se promove con esta convocatoria.
Tentativas de desmobilización por parte a Xunta e o Goberno español
A estes servizos mínimos abusivos hai que sumarlle o esperpento de reunión celebrada no día de onte entre o presidente da Xunta e a Ministra de Industria, que levan meses sen dar resposta ás reivindicacións da comarca para reverter a gravísima crise económica e industrial que estamos a padecer e xusto o día antes da folga aparecen en todos os medios de comunicación nun acto que ten unha clara intención desmobilizadora.
Unha práctica similar xa a vimos nos días previos á manifestación comarcal do pasado 17 de outubro, cando nos inundaron con informacións sobre un suposto proxecto para instalar unha fábrica de viscosa na bisbarra. Proxecto salvador do que, por certo, un mes despois non temos máis noticias.
Pero os gobernos non só non achegaron as solucións e os investimentos que precisamos, senón que as súas actuacións parecen ir máis encamiñadas a dilatar a posta en marcha de calquera medida que supoña dotar de futuro A Mariña, facilitando así os peches e as deslocalizacións do pouco tecido produtivo que queda.
Unha actitude manifesta no caso da fábrica de San Cibrao, pois a pesar das intensas mobilizacións do persoal, das sentenzas do TSXG e do TS confirmando a mala fe negociadora de Alcoa, ou de que a multinacional evidenciou dende o inicio que non ía facilitar unha venda, nin o Goberno español nin a Xunta tiveron aínda a valentía nin a vontade política para executar unha intervención pública que remate con esta agonía.
Parece unha broma de mal gusto que agora a ministra Maroto declare que, efectivamente, Alcoa non quere vender a fábrica de aluminio, pero á vez reitere que non haberá intervención pública da planta; mentres Feijoo se limita a “esperar” que cheguen boas novas.
Esa pasividade é precisamente contra á que temos que reaxir e por iso a CIG chama a toda a comarca a secundar masivamente a convocatoria de folga e a participar na manifestación de Burela, para forzar un compromiso real dos gobernos coa Mariña que se ten que materializar en partidas concretas, con datas concretas, nos orzamentos.
Precisamos investimentos, infraestruturas, servizos públicos e políticas de industrialización que permitan a creación de postos de traballo de calidade, que non nos condenen á emigración nin a malvivir a conta dun sector turístico totalmente estacionalizado.
Temos que parar a comarca e visibilizar a forza e a determinación a pelexar polo noso dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra, polo dereito a termos futuro.





















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



