Santiago de Compostela, 15 de Novembro 2021. A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con responsables económicos e sociais da Mariña, en vésperas da celebración da folga xeral convocada para reclamar futuro nunha comarca que nos últimos anos perdeu máis de mil empregos no sector industrial e leva meses en vilo pola situación de Alcoa.
A líder do BNG volve insistir na intervención pública da factoría como única solución real, e demanda da Xunta e do Goberno do Estado que dean un paso adiante porque o tempo das fotos e das “escenas de sofá” xa pasou, indicou Pontón, en relación ao encontro que hoxe mantiveron o presidente galego e a ministra de Industria.
“Reclamamos unha acción clara para manter a produción e o emprego, por iso a única alternativa é a intervención pública, porque os traballadores e as traballadoras de Alcoa, igual que a veciñanza da Mariña, están fartas de fotos e de promesas e queren medidas concretas para que non sigan aumentando as listas do paro. Esa acción é unha intervención pública que debería terse feito fai moito tempo”, salientou.
Pontón responsabilizou a PP e PSOE da crise industrial que vive a comarca e demanda actuacións para evitar que empresas como a factoría de Cervo ou Vestas se sumen a unha longa lista de peches. Por iso, pide que do encontro saía algo máis que unha imaxe ou, o que é peor, “un intento de desmobilización en vésperas da folga xeral, sería moi triste que ese fose o obxectivo da xuntanza”, alegou, tras trasladar todo o apoio do BNG á xornada de folga cun chamamento á participación.
E máis, a portavoz nacionalista insta a ambos partidos a apoiar a emenda presentada polo Bloque aos orzamentos do Estado á favor da intervención de Alcoa.
Tamén puxo o foco no “triste” balance industrial dos doce anos de Goberno de Feijóo, onde a crise do sector non fixo máis que avanzar, tras perder 14.700 postos de traballo na industria, “sen que houbese nin unha soa empresa en crise que o Executivo do PP fose capaz de salvar, ningunha, fóronse todas a pique e non queremos que a factoría de aluminio sega o mesmo camiño”, argumentou, insistindo na intervención pública.
O Bloque defende un plan industrial integral para A Mariña pero, obviamente, o primeiro paso é evitar novos peches, sobre todo cando se trata de empresas estratéxicas, por iso, que “Xunta e Goberno central deixen de botar balóns fora e aporten solucións, o que non queremos e unha nova escena de sofá que acaba en nada, un novo encontro falido, urxen medidas concretas e reais”.
Pontón botou man dun novo argumento a favor da intervención poñendo o foco sobre as negativas consecuencias para os sectores produtivos e para o conxunto da economía da dependencia foránea á hora de ter acceso a materias primas.
“Alcoa é a única fábrica de produción de aluminio primario de todo o Estado, se pecha o que agora producimos na Mariña se producirá fora e teremos que importalo. Como consecuencia, ademais de empobrecernos deixaremos miles de empregos no camiño. Sería non entender unha das leccións que nos está deixando esta crise, temos que producir, defender a nosa industria porque non se pode seguir con esta dependencia do mercado asiático. Sen industria non hai futuro”, concluíu.
Vestas é outra empresa importante que pode desaparecer, e non deixa de ser un contrasentido que en pleno boom eólico se peche unha factoría que produce elementos para parque eólicos. Por iso, o Bloque demanda que se vincule a instalación de novos parques a proxectos industriais no territorio, que permita traducir a explotación do vento en creación de emprego.
Entre as propostas para a comarca, a formación nacionalista pon sobre a mesa un plan de reactivación económica coa implicación de todas as administracións; avanzar nas infraestruturas pendentes, tanto no ámbito das comunicacións viarias, ferroviarias e portuarias, como de solo industrial e medidas de impulso a sectores produtivos asentados como o agrogandeiro e o pesqueiro.









Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.



