Foz, 21 de decembro de 2022. Despois do acendido das luces de Nadal, que enchen Foz de luz e cor, achéganse as vacacións dos máis pequen@s e a Delegación de Cultura do Concello de Foz preparou unha programación para que gocen da ilusión destas festas e compartan momentos de ledicia e diversión tamén cos maiores, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
Esta semana chega Papá Noel e para amenizar a espera o xoves 22 a partir das 20 horas a Escola de Música Municipal Arcadio Mon organiza o seu festival de Nadal no salón de actos do colexio Martínez Otero: poderanse ver as actuacións das nenas e nenos das clases de música en movemento, prebanda, aula coral e a orquestra de jazz. O sábado 24 pola mañá Papá Noel fará parada en Foz e estará acompañado polas rúas da vila dos nenos dos coros da Escola de Música, que cantarán pola Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro. Poderase visitar a Papá Noel a partir das 12 da mañá na súa casiña, situada na praza do Concello.
A semana do 26 ao 31 de decembro está chea de actividades. Modíficase a tradicional ubicación das mesmas, da Sala Bahía ao pavillón do colexio Nº1. O luns 26 e o martes 27 haberá inchables, talleres e o tren infantil. O mércores 28 chegará a barredora wipe out e haberá un personaxe de Disney tamén. Estes días o horario será de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas. O mércores 28 tamén teremos teatro, no salón de actos da casa da cultura ás 12 horas poderase ver a función Fazulas e o ladrón de paraugas, da compañía Bandullo azul. O xoves 29 e o venres 30 chega a hora do nerf battle arena, un inchable con xogo de estratexia para nen@s maiores de 7 anos que estará no mesmo pavillón en horario de 16.30 a 20 horas .
O venres 30 a Banda de Música de Foz ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal, que será no pavillón do colexio Martínez Otero ás 20 horas. Este concerto “contará con colaboracións especiais doutros artistas da vila e coa visita duns personaxes moi coñecidos. Para descubrir máis non deixes de acudir”, destaca a edil de Cultura, quen tamén anuncia que “o sábado 31 ás 12 da mañá na praza do Concello a Escola de Música ofreceranos o seu concerto de fin de ano. Este 2022 o grupo de jazz da escola será o encargado de amenizarnos a despedida do ano”.
Inés López Couto engade que “xa no 2023 o ano comezará con diversión o día 2 de xaneiro no pavillón do colexio nº1 coa lasertag experience. Se queres participar só tes que ir entre as 16.30 e as 20 horas. Lembra que as actividades dos días 29, 30 e 2 requiren de grupos, que se poderán formar alí ou que podedes levar formados se ides entre amig@s”.
O xoves 5 chegarán os Reis Magos e a cabalgata volverá ter o seu formato habitual. Sairá da praia da Rapadoira ás 18.30 horas, percorrendo as rúas de Foz e facendo unha pequena recepción no Concello, onde os reis saudarán dende o balcón, para continuar percorrido ata o pavillón do colexio nº1, onde se fará unha recepción con chocolate e xogos.
O sábado 7 Os Bolechas farán parada en Foz co seu espectáculo A bruxa Befana, ás 18.30 horas no pavillón do colexio nº1.
O domingo 15 actuará a compañía Teatro ao cubo, coa súa obra Nube nube sol, na que lles ensinarán aos máis pequenos (entre 0 e 4 anos) todo o que a choiva e o sol provocan na nosa contorna. Haberá dúas sesións, ás 11.30 e ás 12.30 horas, na Sala Bahía.
“Esta programación está pensada para que grandes e pequenos desfruten do Nadal, ofrecendo alternativas para que manteñamos viva a ilusión destas festas”, indica a concelleira de Cultura, quen tamén anuncia que “na recepción aos Reis Magos do día 5 de xaneiro farase entrega dos premios aos gañadores do XVIII Concurso de Postais de Nadal, do que saíu a postal que usará o Concello de Foz na súa felicitación oficial. Agradecemos a participación a tod@s e esperamos que o pasaran ben deseñándoas. Os gañadores deste ano foron, na categoría infantil A, Noel Acevo Sante (Colexio Fondo Nois) e Jaime Fernández Cuervo (Colexio Nº1); na categoría infantil B, Malena López Casal e Luis Goás Fernández (ambos do Colexio do Pilar); e na categoría xuvenil, Marina Couceiro Lage (colexio do Pilar) e Eva Núñez Lago (Fondo Nois). A postal de Marina Couceiro Lage será a que felicite o Nadal de todos os foceg@s. Desexámoslle a veciñ@s e visitantes un bo Nadal e un próspero ano novo, esperando que desfruten de Foz, da súa decoración e das súas actividades”.
























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



