O presidente da RAG participou esta mañá na presentación da programación do Día das Letras Galegas 2023 de distintas entidades
Santiago de Compostela, venres 24 de febreiro de 2023. O presidente da Real Academia Galega participou esta mañá na presentación da programación das Letras Galegas de Francisco Fernández del Riego de distintas entidades, celebrada na Cidade da Cultura. Víctor F. Freixanes salientou que dedicándolle o 17 de maio a don Paco a RAG decidiu renderlle homenaxe a quen foi ante todo un activista, “un activista da cultura galega e de Galicia como nación que nunca se rendeu”. Del Riego foi unha das figuras máis representativas de toda unha xeración que mantivo viva durante a ditadura a cultura de noso tendendo pontes coa xeración Nós e entre o exilio interior e a Galicia alén mar. Os seus integrantes foron “os que nos permitiron ser o que somos e estar hoxe aquí”, valorou. “Hoxe celebramos a existencia dun activista do que todos somos fillos”, concluíu o presidente da RAG.
Víctor F. Freixanes lembrou ademais que foi don Paco “o inventor” do Día das Letras Galegas que este ano protagoniza, unha celebración que constitúe “un acontecemento social que nos desborda, unha festa compartida por toda a sociedade” e “une a todos por riba das diferenza”. As celebracións terán dous lugares de referencia: o seu Lourenzá natal e Vigo, a cidade que o acolleu despois da guerra civil.
En 1963 Rosalía de Castro convertíase na primeira homenaxeada do Día das Letras Galegas. A celebración que co tempo se convertería na gran festa da cultura galega nacera na cabeza de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010), quen a presentou no pleno da Real Academia Galega nunha proposta asinada tamén por Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo. Sesenta anos despois daquel comezo, don Paco é agora o homenaxeado. A Real Academia Galega, institución da que foi tamén presidente (1997-2001) decidiu dedicarlle o vindeiro 17 de maio cadrando con outra efeméride, o seu 110 aniversario, e celebrarao divulgando a súa figura e obra ao longo de todo o ano cunha programación que abranguerá dende as achegas máis eruditas ata unha serie documental web e unha biografía infantil teatralizada.
Entre outras iniciativas, a RAG editará as cartas que intercambiaron Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego, que verá por fin a luz pública nunha edición ao coidado de Patricia Arias Chachero. O epistolario está composto por máis de 450 documentos, un centenar deles do homenaxeado nas Letras Galegas de 2023 e o resto de don Ramón a del Riego, detalla a investigadora. “A relación, íntima e amical, que se reflicte nel supón un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra”, explica.
A Primavera das Letras empeza o 6 de marzo
As últimas investigacións centradas na figura, na obra e no tempo de don Paco terán ademais como punto de encontro o simposio que a Real Academia Galega organizará, como xa é tradición, no outono. Pero o groso da actividade académica dedicada á divulgación entre o público xeral do legado de Francisco Fernández del Riego centrarase no primeiro semestre do ano. O vindeiro 6 de marzo a RAG presentará a nova edición do seu proxecto para o público infantil, que ofrecerá a través da páxina web primaveradasletras.gal unha biografía teatralizada. Seguindo o camiño autoral inaugurado o ano pasado coa narradora Ledicia Costas e a escritora Blanca Millán, desta volta Eva Mejuto, gañadora do último Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, asina As cousas de don Paco, un ameno percorrido pola vida de Fernández del Riego, a través do testemuño dos obxectos que sempre o acompañaron, que ilustra Lucía Cobo.
A presentación da Primavera das Letras 2023 terá lugar no CEIP Juan Rey de Lourenzá, a vila natal do homenaxeado, e concluirá coa proxección da curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, a produción audiovisual baseada nunha idea orixinal de Fina Casalderrey coa que a RAG inaugura un novo espazo para a divulgación da lingua e da cultura galegas. A páxina web ofrecerá ademais actividades interactivas para conectar os nenos e nenas de forma lúdica co universo de del Riego e servirá de escaparate dos traballos escolares presentados ao concurso Contádenos o voso Día das Letras, explica a académica, responsable desta plataforma dirixida ás etapas de infantil e primaria. A lingua será igualmente a cerna dos contidos especiais das Letras Galegas 2023 que ofrecerá o Portal das Palabras, o espazo web da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a difusión do noso léxico.
De Lourenzá a Vigo
Lourenzá será tamén o escenario do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas mentres que Vigo, onde Francisco Fernández del Riego se refuxiou na posguerra e onde viviu ata o seu pasamento, acollerá, entre outras iniciativas, un acto literario que a Real Academia Galega organizará da man do Concello de Vigo e da Fundación Penzol. A institución que del Riego dirixiu dende a súa fundación, “o fogar de cultura” no que acubillou durante catro décadas, celebra tamén este ano o seu 60 aniversario, outra efeméride destacada para afondar no perfil polifacético de don Paco dende a cidade olívica.
Lourenzá e Vigo, Vigo e Lourenzá serán igualmente espazos centrais da serie web documental que a Real Academia Galega lle dedicará a Francisco Fernández del Riego. Seguindo o ronsel iniciado nas Letras Galegas de Xela Arias (2021), a institución narrará dende o audiovisual os principais fitos da traxectoria do autor nunha creación realizada pola produtora Miramemira. A serie estrearase no mes de marzo na canle de Youtube da RAG e no espazo dedicado a del Riego de academia.gal, a páxina web institucional, onde pode lerse xa unha biografía do intelectual escrita polo académico correspondente Ramón Nicolás e a tribuna de apertura do ano do presidente da institución.
A Real Academia Galega desenvolverá estas e outras iniciativas arredor da conmemoración do Ano Francisco Fernández del Riego co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, a Deputación da Coruña, os concellos de Lourenzá e Vigo e a TVG, entre outras institucións e entidades públicas e privadas. A Academia colaborará ademais, como é costume, con iniciativas diversas promovidas polo tecido asociativo, cultural e empresarial do país co gallo do Día das Letras Galegas 2023.






















A concelleira de Cultura, Ana Cartelle, destacou que “es un privilegio para Ortigueira contar con una formación de la talla de Qvinta Essençia”, e subliñou que o concerto ofrece “una oportunidad única para disfrutar de una música que en su día fue la vanguardia de las cortes europeas”. O recital propón unha viaxe pola lírica e a música do Renacemento, con obras de Guerrero, Morales ou Vázquez e textos de Garcilaso, Boscán ou Lope de Vega.
O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.



