Del Riego definiu o escritor mindoniense como “mitógrafo esceicional”
A Coruña, venres 21 de abril de 2023. O 21 de abril de 1963, un día coma hoxe fai sesenta anos, Álvaro Cunqueiro (1911-1981) convertíase en académico de número. O seu Mondoñedo natal acolleu o acto de ingreso na Real Academia Galega no que deu lectura ao discurso titulado Algunhas imaxinaciós sober tesouros. “Na aspereza da vida cotiá, soñar é necesario, e perder o tesouro dos ensoños é perder o meirande dos tesouros do mundo. Cando eu escoito nalgunha aldea nosa falar de tesouros, coido que na nosa pobreza aínda somos ricos”, concluía o escritor tras, fiel ao seu estilo, fabular diversas historias para analizar o imaxinario dos tesouros na mitoloxía popular galega, tan definidora da súa obra literaria. O encargado de lle responder en nome da institución sería deseguido o seu amigo Francisco Fernández del Riego (1913-2010). Co gallo desta efeméride, e no marco das celebracións dos tamén sesenta anos do Día das Letras Galegas e da Fundación Penzol, a RAG difunde na súa páxina web os textos mecanoscritos de ambas as intervencións, conservados no arquivo institucional, xunto a outros documentos relacionados co ingreso do gran fabulador mindoniense -fotografías e a minuta do xantar posterior- e mais a súa obra. Os discursos poden lerse ademais na edición dixital dispoñible na sección de publicacións de academia.gal.
Poucas semanas despois daquela recepción, a Real Academia Galega celebraba o primeiro Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía. En 1991 o protagonista sería o propio Cunqueiro. O homenaxeado é desta volta Del Riego, o pai intelectual da gran festa cívica de Galicia. A proposta da súa creación fora aprobada no pleno da RAG ao se someter a votación a iniciativa asinada por Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e don Paco, quen moito tempo despois chegaría a presidir a RAG (1997-2001). A idea partira de Del Riego, quen defendera a creación dunha gran celebración deste tipo xa na prensa dos anos 30 do século pasado, lembra o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na serie documental web Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu, producida pola institución.
As Letras de Francisco Fernández del Riego coinciden ademais cos sesenta anos da Fundación Penzol, que el mesmo dirixiu durante máis de catro décadas dende Vigo, a cidade que o acolleu tras a guerra civil e que acabaría sendo tamén fogar daqueloutro mociño que coñecera nas festas do Conde Santo da súa vila, Lourenzá.
O discurso dun “mitógrafo esceicional”: Que fai un galego diante dun tesouro?
“Lendo a xa abondosa produción de Cunqueiro, decátase un ben de que o escritor conoce, vive e goza coma poucos iste mundo noso, e sabe dos que viven nil”, salientaba aquel 21 de abril de 1963 Francisco Fernández del Riego. Para daquela o escritor xa dera ás letras galegas Merlín e familia (1955), As crónicas de Sochantre (1956), O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958) e Escola de menciñeiros (1960). Grazas, dalgún xeito, á influencia do seu vello amigo, indica Malores Villanueva na biografía Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (2023), na que dedica un capítulo específico á recuperación de Cunqueiro para a literatura galega: “No momento en que Cunqueiro regresa á súa Ítaca, Mondoñedo, en 1947, será cando Paco, pertinaz como era, consiga que volva escribir en galego e recupere o sendeiro do galeguismo en que estaba antes de estalar a guerra”.
Del Riego definiu a Cunqueiro na resposta que lle deu na cerimonia de ingreso na RAG como “vello amigo e mitógrafo esceicional”: “Cría mitos a conta dos persoaxes que andan polas literaturas, ou de outros imaxinados por il”. De acordo con este acertado retrato, o creador que fixo nosos o mago Merlín, o vello Sinbad, o Hamlet de Shakespeare ou o heroe grego Ulises presentouse aquela mañá ao público que ateigaba o auditorio coa “intención derradeira” de responderse “que é o que pensa e fai un galego posto dediante dun tesouro”. “E pra iso, dado o meu xeito, ren millor que fabular diversas historias, nas que a xente de nós toma tratos cos tesouros”, anunciaba Cunqueiro.
“A miña idea pirmeira é que un tesouro é coma unha persoa viva, coa súa memoria i a súa vontade. Eu non sei si é certo o que lín en lady Gregory de que houbo un tempo en que tódolos tesouros do mundo eran dun soio home e que ístes, cansos dil, fuxiron i escondéronse nuns lados i en outros, e pra non ser atopados pagáronlles ós magos do país pra que os encantesen. O fío da vida do tesouro pende de que se desfaga iste encanto ou non. Si se desfái, o tesouro deixa de sélo e convírtese en ouro propio, i o que o desfixo pódeo levar prá casa”, continuaba, de seguro, enfeitizando o público.
Os debuxos de Claudio Varela e ‘O incerto señor don Hamlet’
O arquivo da RAG volve ademais no día de hoxe aos debuxos realizados polo pintor coruñés Claudio Varela para a estrea d’O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, a “obra maior de arte dramática” que, en palabras de Francisco Fernández del Riego, escribiu Álvaro Cunqueiro. As ilustracións empregáronse para o attrezzo na estrea da obra presentada polo Teatro da Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana no teatro Colón da Coruña.
O engado do mito tamén se fai presente nesta obra teatral, lembraba Del Riego no discurso de resposta a Cunqueiro. “O dista peza é un Hamlet pre-shakhesperiano, case medieval, que aparez redivivo na cidade e no castelo de Elsinor, envolveitos nunha sombra inverniza. Pero é, asimade, un Hamlet moi galego e moi dos nosos días, inda que non só dos nosos días”, valoraba.
Tamén se detivo del Riego n’O incerto señor don Hamlet en Álvaro Cunqueiro e o seu mundo (Ir Indo, 1991), un fermoso exemplo da prosa divulgativa e biográfica que tanto cultivou o autor de Lourenzá. “Hamlet en Shakespeare era , como se sabe, un tipo misterioso que suscitaba diversos interrogantes. Pero para o escritor mindoniense, o príncipe non figurou como fillo do rei morto, senón do rei vivo. A súa nai non era só un algo Climenestra como en Shakespeare, senón tamén un pouco Yocasta como en Sófocles. O complexo edípico revelouse moi presente na obra cunqueirá, mentres que se atopaba agochado na shakesperiana”, analiza nestoutras páxinas.
O autor, prosegue, sentía impaciencia pola saída do prelo deste volume de teatro, que se entremediaba na súa actividade narrativa en galego. “Nembargantes, seguía a traballar con entusiasmo na novelación. A piques de se editar o Hamlet, xa anunciaba que levaba moi adiantado un libro de viaxes do vello Sinbad. Argallara o contido da trama, pero aínda tiña sen nome o veleiro do mariño”, comparte quen tamén foi editor de Cunqueiro en Galaxia.






















Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.



