Ribadeo, 6 de abril de 2023. O Concello renderá homenaxe ao músico ribadense Xavier Miró nun acto que terá lugar o vindeiro 15 de abril no auditorio Hernán Naval a partires das 20:00 horas. O evento foi presentado no salón de plenos polos concelleiros de Cultura e Desenvolvemento Local, Pilar Otero e Pablo Vizoso, e polas artistas Ugía Pedreira e Marina Oural, encargadas da súa posta en escena.
A edil ribadense dixo: “desde a Concellería de Cultura de Ribadeo queremos informar que estamos a organizar a homenaxe do músico e óptico ribadense, Xavier Miró. Para iso contamos coa colaboración da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento. Este evento reunirá a diferentes persoas vinculadas á iniciativa e a 120 músicos da Mariña versionando, con diferentes xéneros, os seus singles dos anos 70”.
A compositora Ugía Pedreira contou que “Xavier González Miró (Ribadeo 1948), estudante de óptica no Consello Superior de Investigacións Científicas en Madrid, combina a carreira de óptica coa música e irrompe na autoría discográfica española cantando en galego, con varios temas editados entre os anos 1969 e 1973. Dous deles, Brilla raio de aurora e Miña ruliña, ocupan postos relevantes nas listas de éxitos dos devanditos anos. Xavier vinculouse artisticamente con María, asinando varios vinilos como Xavier e María, entrando daquela en estudios de gravación de calidade, na compaña de produtores e arranxistas tan prestixiosos como Antoni Ros Marbá, coincidindo con Mocedades, Serrat ou Cecilia. Chegaron a facer promoción de radio por toda a península e axudaron a popularizar a cantiga mariñá Catro vellos mariñeiros, de José Travieso Quelle”.
E engadiu que “Xavier e María chegaron a participar no que foi no seu momento un paralelo ao actual Benidorm Fest, o Festival da Canción de Torremolinos, presentado pola finada Laura Valenzuela. A súa achega á musica galega ven marcada pola lingua e o territorio mariñao como lugar de inspiración e saudade, que levou a Xavier Miró a compoñer estas cancións na súa época universitaria en Madrid”.
Homenaxe: cancións, participantes e intervintes
Cancións e participantes:
1. BRILLA RAIO DE AURORA – Erikas e Peluxías, arranxos de Ugía Pedreira para percusión tradicional e voces de mulleres da mariña galega e occidente asturiano.
2. O BORRACHO_ Pedro del Río, cantor veciño de Rinlo, arranxos para guitarra e voz.
3. FOI UNHA NOITE_ Beetle Judge, arranxos de Miguelito (Cherry) para grupo local de rock/metal.
4. MIÑA RULIÑA_ Escola Municipal de Música de Ribadeo, arranxos de Hugo García para alumnado de música.
5. AS FESTAS DOS POVOS_Coral Polifónica de Ribadeo, arranxo para voces corais.
6. AS FESTAS DOS POVOS_ Escola Municipal de Danza de Ribadeo, coreografía de María Justo para alumnado de danza.
7. ADEUS_Banda Municipal de Ribadeo, versión instrumental, arranxos de Eli García-Bouso para banda municipal.
8. CANCIÓN DE RIBADEO_ Corazones Jóvenes, grupo local ao que perteceu Xavier Miró, música anos 70.
9. OS CISNES_ Guadi Galego, canción iniciada por Xavier Miró, completada e arranxada por ela para piano e voz.
10. CANTAR HEI GALICIA _ Dory Yáñez, poema Rosalía de Castro levado ao rap-voz.
Intervencións:
-Alumnado de lingua galega do IES Dionisio Gamallo Fierros. Guión de Suso Fernández Acevedo.
-Ugía Pedreira, compositora e cantora mariñá, ‘O valor das autorías’.
-Xavier Campos, xestor cultural, ‘Xavier Miró no contexto musical da época’.
-Pilar Otero, Concelleira de Cultura de Ribadeo, ‘O coidado da arte ea cultura local. O profeta na súa terra’.
-Xavier Miró/Marina Oural, conversa interxeracional entre homenaxeado e organización.
Otero Cabarcos indicou que “desde o Concello de Ribadeo en xeral e desde a Concellaría de Cultura en particular estamos moi orgullosas de levar a cabo este evento homenaxe que segue a liña marcada de apoio á comunidade”.
A concelleira de Cultura manifestou: “que apostamos pola arte en comunidade é un feito que se fai visible cando programamos ciclos como o de Música nas parroquias, no que participaron grupos e asociacións locais, aproveitando todos os espazos que temos e imos conservar, como parte do noso patrimonio en arquitectura de usos sociais, ou como o ciclo de Cultura nas parroquias, no que tivemos ocasión de ver a contadores de prestixio como Celso Sanmartín, Paula Carballeira e Cándido Pazó en varias das nosas parroquias. Tamén en diversas parroquias actuaron varios grupos de teatro da Mariña, deu concertos a Coral Polifónica de Ribadeo e disfrutamos das sesións de música e teatro con Argadelo, que non é outra cousa que un xeito de xuntar persoas de todas as idades arredor dunha idea común, comunitaria, de verse unha vez por semana e crear cultura tendo como espazo a aldea. Idéntico obxectivo nos guía no Soa forte, ese pequeno ciclo de eventos culturais que nace na mesma liña de aproveitar todos os espazos que temos e poñer en valor o noso patrimonio, tamén en territorios rurais, neste caso nun dos lugares emblemáticos de Ribadeo, no Forte de San Damián”.
A artista Marina Oural sinalou que “por iso o feito de nomear e render homenaxe a un dos nosos músicos, que tivo a afouteza de cantar en galego no festival de Torremolinos no 71, cando aínda era o tempo da ditadura franquista, non é máis que un acto lóxico e necesario. Temos en Ribadeo alguén que fixo nos anos 70 o que as Tanxugueiras están a facer agora e isto había que contalo e celebralo. Para o presente e tamén para o futuro”.
E subliñou: “a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento que labora en arte, saúde e cultura comunitaria, onde a autoría e posta en escena son focos de investigación e coidado, considerou de vital importancia celebrar a vida deste autor que nos deixou sementes creativas conscientes desde o eixo fértil e expansivo do norte Cantábrico. É pois unha necesaria divulgación para as novas xeracións mariñás, e tamén para as persoas coetáneas do propio homenaxeado, sendo forza presente para a saúde social e o ámbito relacional no espazo que habitamos”.
Marina Oural engadiu: “así pois, o Concello de Ribadeo a través da concelleira de cultura, Pilar Otero, xunto coa Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, Ugia Pedreira e mais eu mesma, Marina Oural, dámonos a mao para deseñar, implementar e valorar a transformación dunha realidade mariñá que empuxe na calidade de vida. Emprégase neste caso o noso patrimonio inmaterial, a educación e a creatividade como elementos de edificación comunal. Con interese polo protagonismo colectivo incentivouse nesta homenaxe a participación, a circulación de coñecementos, o acceso á cultura da zona e o desenvolvemento endóxeno da nosa cultura popular, procurando así o sentimento de autoestima para a comunidade.Traballo en rede, cooperación, intercambio e diálogo interxeracional fixeron posible este grande evento localizado fóra das cidades cunha equipa de profesionais e amadores que representan moitos concellos da Mariña e do Occidente astur”.
Cartel e Exposición Monográfica O álbum de Miró
Oural seguiu a relatar que “a familia de Xavier Miró xunto co propio autor, coidou rigorosamente o material ligado á súa carreira musical nos anos 70. Un percorrido gráfico que mostra como o compositor mariñao compuxo, gravou, produciu e xirou coas súas cancións en diversos singles que os medios de comunicación da época recolleron”.
Pablo Vizoso contou que “o Obradoiro de Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais do Concello de Ribadeo encargouse do deseño de cartel do evento, así como dos paneis que se exporán na entrada do auditorio, onde os asistentes poderán gozar de ver fotografías, procesos de composición, portadas de discos, contratos musicais, cancións escritas á man, entrevistas, etc.
Os concelleiros ribadenses convidan a asistir a este acto: “así pois queremos convidarvos, especialmente á veciñanza de Ribadeo, a compartir esta homenaxe que quixemos renderlle a Xavier Miró, para amosarvos a súa pegada musical. Ogallá o disfrutedes tanto como nós xa o fixemos na súa organización”.
A homenaxe a Xavier Miró, organizada polo Concello de Ribadeo coa colaboración da Asociación Cultural Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, terá lugar no Auditorio Hernán Naval o 15 de abril. A apertura de portas está prevista para as sete da tarde. A entrada é de balde.
Enlaces de interese
[enlace a descarga de cancións http://www.miroopticos.com/Empresa.aspx]
[enlace a vídeo María e Xavier. Youtube. Festival Torremolinos 1971 https://www.youtube.com/watch?v=g2uqMSkBDnI]























Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



