Vexo pasar a xente a mercar. Sentado, sen consumir no sentido de mercar cousas das que podo prescindir, por moito que queran vendermas como necesarias ou intelixentes (as miñas accións de compra ó adquirilas). Coches que chegan e se van, consumindo eles tamén ó levar ás persoas a consumir. Ocio que se iguala a consumo. Un ideal para lubricar a economía, unha economía que necesita medrar para manterse. Un sistema insostible. Implosionable.
Se non fose pola inmigración, habería moita máis necesidade de traballadores. Se non fose polos inmigrantes, a economía non podería manter a súa marcha, estaría a contraerse, as cousas deixarían de funcionar, unha agora, outra despois… e non poderiamos nin aspirar a amañalas. As cotizacións sociais caerían. Os servizos asociados tamén caerían, xa non só impulsados cara abaixo pola corrupción ou a a súa liquidación ideolóxica. Temendo unha implosión.
Cada vez hai máis ‘novos materiais’ e máis optimización para fabricar máis cousas con menos subministracións. O aumento da ganancia impulsa. Tamén cada vez se recicla máis ó tempo que a obsolescencia programada ascende de xeito rampante pasando pouco a pouco a ser unha obriga o que antigamente era unha necesidade, a substitución do aparello. Mais, aínda así, cada vez a escaseza de materias primas, a loita por elas, e o seu acaparamento, aumenta. E con iso, os problemas da industria, cada vez menos técnicos e máis de subministracións mentres hai un comezo de implosión.
Cada vez a economía é menos primaria. Os alimentos só aumentan os prezos pagados ó produtor nas crises principais, a industria mantense variando unha moi innecesaria produción e hai máis sector terciario, servizos de todo tipo, dende amañar aparellos ata servir un refresco, pasando por coidar dos nosos maiores ou pequenos, ou cubrir todo tipo de necesidades reais ou sobrevidas ós anuncios de que as temos. Un terciario que pode seguir a medrar mentres nos convenzan de máis e máis necesidades. É dicir, mentres sexamos menos autónomos. En certo xeito, menos persoas. Nese sentido, o medre é unha sinal de implosión interior. Tamén.
A temperatura sube, a poboación mundial segue a medrar cunha inercia minguante, que cada vez se prevé que se esgote antes. Na China impuxeron como norma de estado o límite de natalidade. Agora xa teñen o problema de que é a poboación, as persoas individuais, a que non quere pasar dese límite, mesmo nin chegar a el. En Galicia ese tema xa deberamos coñecelo ben, algo dubidoso polas medidas que se artellan. E non se trata de procurar unha solución obrigando ás mulleres, poñéndoas -literalmente- a parir. Implosión da poboación.
Houbo algún tempo atrás un desenvolvemento da cultura, da educación. Agora fálase de cultura para relacionala con todo, perdendo o seu valor: é equivalente a non relacionala con nada. Mentres, confúndese educación con formación para o traballo, en función duns postos de traballo que non se sabe como evolucionarán, mesmo se existirán dentro de poucos anos. Implosión educativa.
O mundo ten ido aumentando a súa diversidade a medida que poboación, comunicación e posibilidades anteriores o permitían. Todo para, agora, diversificarse máis a medida que nos unificamos máis. Sen contradición. A diversidade é máis aparencia de ‘non quero parecerme’, ou polo contrario, de ‘quero parecerme’, que de ‘son diferente’: as costumes implosionan dun xeito case coordinado en todo o planeta, mentres en cada lugar quedan destruídas as costumes históricas. As malas, pero tamén as boas.
Para avanzar, necesitamos contrastes. Témolo feito intensificando as relacións, primeiro xuntando a xente en poboacións cada vez máis grandes, logo mellorando os medios de desprazamento, despois os de telecomunicacións, ata chegar a hoxe, cando a variedade nas redes estase a reducir pola propia mecánica de rendibilidade dos algoritmos, expulsando á diversidade, ás minorías sen poder. Unha implosión.
Suavemente, con diferentes velocidades, con diferente comezo, cada vez máis rápido, estamos a implosionar.
Colapso. Mentres afunde o barco, a orquestra segue a tocar no salón de primeira clase. [Nota: están arriba e confían en que como mínimo, serán os últimos en afundir.]


















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



