Burela, 20 de maio. Este sábado ás 21.00 horas no Pavillón Municipal Vista Alegre de Burela comezou o Primeiro Partido de a Fase 1 dos PlayOff de Ascenso a Primeira Federación de Futsal Masculino, no que o Pescados Rubén Burela FS se enfrontou ao A.D. Salga 10 Zaragoza nun encontro de infarto no que o equipo laranxa empatou o partido en dúas ocasións nos últimos segundos de xogo, ao final do partido e ao final da prórroga, levando aos penaltis nos que un Pescados Rubén Burela FS que traballou moito este campo estas semanas, resultou vencedor cun marcador final (3) 4 – 4 (1). Aínda que o Burela FS non tivo “o seu mellor partido” e o Sala 10 Zaragoza xogou ao grande, a ilusión, as ganas e o empeño do equipo mariñán e todo un pavillón cheo apoiandoo, conseguiron o que parecía imposible en dúas ocasións, levándose o partido cos deberes feitos.
Na primeira parte, do mesmo xeito que durante todo o xogo, ambos equipos mantéñense bastante igualados. O Pescados Rubén Burela FS comeza animado e con forza cun gol de Pitero xa no minuto 2 tras unha contra de Isma e un pase de Eloy. Pero no minuto 4 Carlos García empata 1-1 o partido. No minuto 7, Rikelme volve subir o marcador, 2-1 cun disparo tras un pase de David Pazos. Dúas oportunidades máis de Pazos no minuto 8 e no 9 e moito xogo de balón por parte de ambos os equipos, chega de novo o empate cun gol de Óscar Villanueva no minuto 15 tras un roubo de balón a media pista. Chega o descanso 2-2 no marcador.
Na segunda parte vivimos un encontro tenso para o Burela, con moitas ocasións de perigo e momentos de dominio do equipo rival. No minuto 34 chega o 2-3 cun gol de Richi Felipe de penalti e no 37 David Rial comeza a apostar polo porteiro-xogador con Isma e despois de dúas oportunidades moi claras de Pitero e Eloy e tanta tensión como esperanza no ambiente, chega o gol do goleador David Pazos que empata nos últimos segundos de xogo, 3-3. Chega a prórroga e sae o Burela con Pitero, Pazos, Alberto, Isma e Michal Kaluza. Tras unha boísima oportunidade de Isma cun rexeite despois doutra oportunidade de Pitero, chega o gol do Zaragoza con Adrián Rivera desde fóra de área, de novo 3-4. Volve o Pescados Rubén a xogar de 5, esta vez con Pitero, e de novo mantense a tensión ata o último minuto, cunha ocasión clarísima de Isma no minuto 45 que para Iván Bernad. Acábase o tempo e parece que o resultado está sentenciado pero Nando remonta o marcador de novo nos últimos segundos de xogo, poñendo en pé ao pavillón Vista Alegre enteiro e conseguindo pasar aos penaltis onde despois de catro disparos, por parte do equipo burelense Nando, Isma, David Pazos e Pitero e outros catro por parte do Sala 10 Richi Felipe, Adrián Rivera, Mateo Flores e Tomás Pescio, o Burela leva o partido con 3 goles encaixados e un fallado, ao contrario que o equipo rival que consegue un gol pero falla 3 grazas a un gran Michal Kaluza.
Jorge Palos móstrase orgulloso do seu equipo por facer fronte e case vencer ao Burela no seu terreo, cousa nada fácil, no seu primeiro partido de playoff, declara “era o meu primeiro partido de playoff, dixéranme que era espectacular pero non me imaxinaba que ía ser tanto (risas), creo que foi un partidazo imaxino que para a xente desde fóra gozaría moitísimo, tanto aquí como os que o viran desde a casa, este é o nivel de Segunda División e isto é o que custa gañar partidos. En canto a nós creo que fixemos un partido fantástico, creo que dos mellores da tempada, senón o mellor, por vir onde era e polo equipo contra o que era”, agora prepárase xa para o próximo encontro en Zaragoza.
David Rial recoñece que “É verdade que a xustiza diría que hoxe tiña que gañar Zaragoza, creo que nos sentimos moi incómodos durante todo o partido, non sei se unha cuestión de tensión, de sentirnos presionados, sabíamos que son un equipo veterano e ían manexar ben este tipo de escenarios pero estivemos moi incómodos. Non tivemos fluidez con balón, en defensa tampouco fomos capaces de roubar, creo que o inicio si que é bo, que nos poñemos por diante e é bo, pero a partir de aí eles foron superiores a nós. Pero sobrevivimos”, “soubemos sobrevivir nos momentos clave, que era o máis importante, que o equipo fose duro de cabeza, que soubésemos sobrevivir e creo que nos momentos importantes estivemos por diante e tal e como remontamos os penaltis, a nivel mental eu creo que nós estabamos un pouquiño mellor para afrontalos que eles”. Tras falar un intre sobre os efectos psicolóxicos da montaña rusa que foi o encontro para os xogadores, “tratar de estar tranquilos, non estabamos cómodos, pero tratar de ter tranquilidade, tampouco arriscar moito para que o partido non rompese, chegar vivos ao final e crer. Díxenllelo agora ao final, creo que desde o primeiro día ata o último, desde o primeiro día que pisamos Vista Alegre o equipo creu no que facía”. Doutra banda tamén insiste en que nos penaltis “non hai loterías”, lévanos traballando toda a semana e dá o parabén ao equipo e especialmente a Michal que se levou moitos balonazos esta semana pero valeu a pena.
O próximo encontro será en Zaragoza, o venres día 26 de maio ás 20.30 horas.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS – A.D. Sala 10 Zaragoza
Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza (P), Lucho (C), Nando, Rikelme, David Pazos – cinco inicial -, Nito, Pitero, Alberto, Antón Arnejo, Eloy, Bruno (P).
A.D. Sala 10 Zaragoza: Iván Bernad (P), Óscar Villanueva, Mateo Flores, Adrián Rivera, Carlos García, -cinco inicial-, David Yera, Alberto Inés, Richi Felipe, Carlos Retamar, Tomás Pescio, Marcos Forga, Adri Ortego, Dani Álvarez (P).
Goles: Min.2 Pitero 1-0; min.4 Carlos García 1-1; min.7 Rikelme 2-1; min.15 Óscar Villanueva 2-2; min.34 Richi Felipe 2-3; min.39 David Pazos 3-3. Prórroga. Min.43 Adrián Rivera 3-4; min.46 Nando 4-4. Penaltis: Nando (1) 4 – 4 (0); Ricardo (1) 4 – 4 (0); Isma (1) 4 – 4 (0); Adrián Rivera (1) 4 – 4 (0); David Pazos (2) 4 – 4 (0); Mateo Flores (2) 4 – 4 (1); Pitero (3) 4 – 4 (1); Tomás Pescio (3) 4 – 4 (1).
Equipo Arbitral: Berta García Vázquez, Eder Gómez de Salazaar, Roberto Segundo Amor Vizoso, Miguel Bardera Borbolla.
TA: min.21 Óscar Villanueva, min.23 Rikelme, min.26 David Rial, min.35 Alberto.











A representación terá lugar este sábado día 18, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Veciños de Marzán, un dos destinos habituais nas xiras anuais da compañía. O Centiño mantén así a tradición de visitar este espazo, onde agarda compartir co público unha tarde divertida e chea de humor. A agrupación teatral continúa así coa difusión da súa nova obra, que segue a percorrer diferentes escenarios da comarca.
Dezaoito locais hostaleiros de Ribadeo, Rinlo e Vilaframil ofrecerán diversas preparacións ata o vindeiro domingo: en escabeche, en salpicón, en empanada, ao allo, á prancha, en albóndega, etc… Todas as propostas poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo, que agradece “unha vez máis o apoio da OPP do Porto de Burela, que nos doou 90 quilos de cabala para estas xornadas, produto que entregamos de xeito gratuíto aos locais participantes. Achegámoslles así unha parte do peixe que empregarán nesta nova cita gastronómica na que tamén colabora o Concello de Ribadeo”. Ata o porto, ao restaurante Marinero, se achegaron este mediodía o director territorial da Consellería de Mar, Alexandre Piñeiro, as concelleiras ribadenses Montse Seijo, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o técnico de Acisa, Jorge Fernández, que puideron degustar as elaboracións realizadas por este establecemento hostaleiro.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.


