O cabeza de lista á Cámara Baixa pola provincia contrapón o modelo do PP co dun Pedro Sánchez que castigou a Lugo en forma de “desplantes” e “compromisos adquiridos que nunca viron a luz”
Lugo, 26 de xuño de 2023. O número 1 da candidatura do PP de Lugo ao Congreso, Francisco Conde, asegurou hoxe que a formación márcase como obxectivo para as eleccións xerais do 23 de xullo acadar o terceiro deputado e amosouse convencido de que “se goberna Alberto Nuñez Feijóo, gaña Lugo e gañamos todos”.
Acompañados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e pola presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, os candidatos e candidatas ao Congreso e o Senado elixiron a contorna da Catedral, da Muralla e do Camiño Primitivo para lanzar as súas primeiras mensaxes na precampaña para as eleccións xerais.
A elección do escenario para este acto non foi casual, xa que aquí conflúen os tres Patrimonios Mundiais da Humanidade que posúe Lugo, e aos que Francisco Conde, “como monfortino”, aspira a sumar a Ribeira Sacra.
“Este é o quilómetro cero desta campaña coa que percorreremos toda a provincia tras culminar unhas semanas previas de intenso traballo con todos os compañeiros e compañeiras”, explicou o cabeza de lista ao Congreso ao tempo que encamiñaba todo este traballo cara a consecución dun cambio de ciclo de España da man de Alberto Núñez Feijóo.
O mes que queda ata as eleccións será, segundo sinalou, “un mes decisivo para o futuro de Lugo, para o futuro da provincia, para o futuro de Galicia e, por suposto, para o futuro de España”.
CAMPAÑA EN POSITIVO
A campaña popular será unha campaña en positivo, para explicar o proxecto político que lidera o que vai ser o próximo presidente do Goberno de España, Alberto Núñez Feijóo porque “somos un gran partido e temos un candidato que, cando ten a oportunidade de gobernar, xestiona e ten claro o que quere”.
“En Galicia sábese ben que é así porque Feijóo foi quen de sacar aos galegos do período escuro que supuxeron os catro anos do bipartito e, tras catro vitorias inapelables nas urnas, foi quen de facer de Galicia un referente de como os xestores públicos temos que estar ao servizo da cidadanía e non ao revés, como ten ocorrido nesta etapa con Pedro Sánchez”, explicou Francisco Conde.
Lamentou así mesmo que “se algunha provincia foi a gran castigada polo sanchismo foi Lugo”, engadindo como “o exemplo máis claro” o estado das infraestruturas: “Lugo tivo que soportar os seus desplantes e os seus compromisos adquiridos que nunca viron a luz, como as autovías proxectadas, a chegada do AVE ou a eliminación das variantes de Canaval e Rubián; o que supón na práctica a prohibición da conectividade por Alta Velocidade de Lugo con Ourense”.
“O PSOE, incluídos os deputados naquel momento por Lugo, rexeitaron a nosa petición no Congreso e no Senado para que o Goberno aumentase o investimento na nosa provincia en 47 millóns de euros para compensar o recorte de Pedro Sánchez nos Orzamentos deste ano”, lembrou incidindo en que “a cambio si que aceptou de bo gusto a emenda de ERC para aumentar o investimento en Cataluña, en detrimento de Galicia e, en consecuencia, de Lugo”.
Fronte a isto, Conde dixo que é necesario un cambio para derrogar “no fondo e na forma” a maneira de facer de política de Sánchez: “Acabouse o de facer do Consello de Ministros o politburó particular de Pedro Sánchez e Yolanda Díaz”.
CON SÁNCHEZ, PERDE LUGO
“O sanchismo é prexudicial para Lugo” concluíu o candidato popular antes de explicar que “se Pedro Sánchez goberna, perde Lugo, perde Galicia e perdemos todos”; xa que “os lucenses pagarán cada vez máis por todo, as pemes e autónomos terán cada vez máis presión fiscal”. E perderá de xeito especial a industria “que xa está en números vermellos”, engadiu Conde poñendo como exemplo a situación de Alcoa na Mariña ou de Altri en Palas de Rei; así como “a xestión tan decepcionante, frustrante e ineficaz dos fondos europeos”.
O número 1 do PP de Lugo ao Congreso concluíu manifestando que “o proxecto político de Feijóo é o que máis se parece a Galicia e a Lugo” porque é un proxecto político para facer útiles as institucións, que pensa en todas esas persoas que coñecemos con nome e apelidos e que teñen problemas para chegar a fin de mes, para pagar os salarios dos seus empregados ou que tiveron que reducir os custos de produción debido ao incremento do prezo dos materiais, a subida da luz e dos carburantes”.
PAULA PRADO: “O PPdeG É O PARTIDO DAS FAMILIAS”
A secretaria xeral do PPdeG quixo reivindicar á súa formación como “o partido das familias” porque “fai boas políticas para todas fronte aos que queren politizalas”, tal e como se demostrou en Galicia durante todos estes anos “con medidas que a partir do 23 de xullo se exportarán a toda España”.
Paula Prado incidiu en que, con Feijóo, España avanzará en educación, garantindo a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos como xa ocorre na nosa Comunidade porque “o que é bo para Galicia, será bo para toda España”. Amosouse neste sentido convencida de que “en menos dun mes, para ben de todos, o modelo de Galicia será o modelo do Goberno central”.
Sobre os candidatos do PP de Lugo ao Congreso e o Senado, a número dous dos populares galegos destacou que Francisco Conde “impulsou desde o seu posto no Goberno galego o mellor para Galicia e sempre tivo na súa mente á súa provincia” e, sobre José Manuel Barreiro, puxo en valor “a defensa que fixo e seguirá facendo de Lugo na Cámara Alta”. E, a partir destes dous nomes, as candidaturas conxugan “a experiencia de xa ter estado nas Cortes Xerais e a ilusión dos que se incorporan por primeira vez”.
Paula Prado quixo reivindicar os 33 concellos da provincia que desde o pasado 14 de xuño goberna o PP. O que supón “máis que o PSOE e oito veces máis que o BNG”. Un modelo de “grandes maiorías e os gobernos fortes” que, asegurou, caracteriza ao PPdeG e que pronto se trasladará tamén a toda España da man de Alberto Núñez Feijóo.
“Os galegos, que xa apoiamos maioritariamente en catro ocasións a Feijóo, sabemos que só con el podemos ter a partir do 23 de xullo un verano azul no que vexamos a Pedro Sánchez pola Mariña lucense pero xa de vacacións e non na Moncloa”, concluíu.
ELENA CANDIA: “PRECISAMOS UN GOBERNO QUE DEA SOLUCIÓNS E NON QUE XERE PROBLEMAS”
Pola súa banda, a presidenta provincial, Elena Candia, anunciou que tanto a precampaña como a campaña serán de intenso traballo na provincia para desbancar ao sanchismo, e destacou que as listas populares por Lugo combinan renovación e experiencia. Insistiu en que “precisamos un Goberno que dea solucións e non que xere problemas, un Goberno que impulse as infraestruturas e que non as paralice”.



















O venres descubrirase a placa que oficializa o nomeamento da Biblioteca Municipal co seu nome, dentro da iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, que busca divulgar o legado do escritor e apoiar a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028. O programa inclúe unha exposición, a lectura dun manifesto e unha conferencia. O sábado entregarase no Auditorio o IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade. Rouco destacou a importancia de visibilizar a figura do autor e convidou a veciñanza a participar nos actos.
As nenas e nenos coñeceron o proceso de moenda e levaron unha mostra de fariña. García destacou a importancia de achegar a realidade do rural á infancia e agradeceu a colaboración das granxas, ANPAS e centros educativos. O Muíño de Coea é unha das novas incorporacións a un programa que este ano inclúe 210 actividades e chega a máis de 6.000 escolares de 74 centros da provincia.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.



