Burela, 10 de agosto, 2023. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela celebrou este xoves 10 de agosto un acto de promoción e divulgación da ‘Merluza D& Burela’ que contou coa participación estelar de Martín Berasategui, asesor gastronómico da marca e cociñeiro español con maior recoñecemento nacional e internacional, con 12 Estrelas Michelín e 12 Soles Repsol.
O chef, que na noite do mércores ceou por primeira vez a bordo dun barco pesqueiro, asistiu desde as 6 da mañá á poxa de pescada na lonxa de Burela, podendo comprobar en primeira persoa a calidade do produto e intercambiar impresións con armadores, compradores e exportadores de peixe.
Martín Berasategui estivo acompañado polos presidentes e xerentes de ABSA e OPP-7, Juan José Otero, Abelardo Basanta, Miguel Neira e Sergio López, xunto a outros directivos de ambas entidades.
Ás 8:30h uniuse o grupo de autoridades encabezado polo conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares; a xefa territorial da Consellería do Mar, Mariña Gueimunde; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias; a alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López; o concelleiro do Mar de Burela, Ramiro Fernández; o patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero; ou o presidente de Hostalería de Galicia, Cheché Real; ademais de socios e directivos tanto da OPP como de Absa e outros representantes políticos e do sector pesqueiro da zona.
A comitiva realizou unha breve visita á lonxa e visitaron un buque palangreiro atracado no porto de Burela para coñecer de primeira man como se realiza a bordo a pesca da pescada do picho. Regino Basanta, armador do buque Idurre Berria, socio de ABSA e OPP, explicou os detalles da pesca coa arte do palangre de fondo.
A xornada finalizou no salón de actos de ABSA co primeiro acto de divulgación de ‘Merluza D& Burela’ que se celebra en Burela para os seus socios e para o público xeral, despois de moitas outras presentacións de produto noutras cidades de España.
Miguel Neira, xerente de Armadores de Burela, deu a benvida ao acto e destacou a honra que significa para Burela ter aquí a unha figura tan internacional como Berasategui. Tamén lembrou a anécdota de como se xestou o prato de merluza de Burela que se serviu a Robert de Niro naquel mítico “menú impagable” de Madrid Fusión.
A continuación Sergio López, xerente da OPP-7 Burela, encargouse de facer unha presentación das principais campañas de promoción realizadas nos últimos anos con marca ‘Merluza D& Burela’.
Celebrou o aniversario centenario que cumpre este ano o Porto de Burela e explicou os diferentes tipos de frotas socias da OP, poñendo o acento na ecoetiqueta ‘Pescaenverde’ que converte á frota de altura de Burela na primeira certificada polo seu baixo impacto ambiental. E finalmente amosou pezas dalgunhas das principais accións e campañas de promoción de ‘Merluza D& Burela’ e ‘Peixe de Burela’.
Pola súa banda, o conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, insistiu na importancia da soberanía alimentaria para calquera país, fronte a falsos discursos medioambientalistas; e destacou o corazón que pon no seu traballo a xente do mar de Galicia, que é a principal rexión produtora de peixe de Europa.
Pechou o acto Martín Berasategui, encumbrado xa como gran “Embaixador da Merluza D& Burela” e lucindo unha nova chaquetiña que proclama o seu “Amor ao Mar”, a Burela, a Galicia, ás súas xentes e, sobre todo, ó seu peixe.
Como primicia anunciou o novo prato creado polo 30 aniversario do seu restaurante de Lasarte: “Lombo de Merluza D& Burela con cocochas, leite de améndoa e esencia de percebe”.
O chef lembrou a orixe do seu lema “Garrote” e os seus inicios humildes no Bodegón Alejandro de San Sebastián co que logrou aquela histórica primeira estrela Michelín das 12 que agora ostentan os seus restaurantes.
A maior demanda que lanzou Berasategui foi que nas escolas deberían ensinar aos nenos a alimentarse doutra maneira, con produtos máis frescos e máis saudables, aproveitando a calidade de produtos propios como a pescada do pincho que pescan as frotas de Burela.
E deixou Burela prometendo apoiar con “triplo garrote” aos sectores primarios españois, despois de coñecer en primeira persoa o esforzo e a dedicación da xente do mar de Burela: “A gastronomía mundial non sería nada sen a xente que se esforza no seu traballo como facedes os pescadores de Burela”.
Esta acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMPA, e inclúese no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.




















José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 10 axentes, 15 brigadas, 16 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.



